"Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida", escribía Castelao en 1947, tres anos antes da súa morte. Con esa declaración de amor aínda no recordo, a Boa Vila non podía ser allea ás homenaxes que se sucederán no que xa é, oficialmente, o Ano Castelao en Galicia.
O Concello, a través dun bando asinado polo alcalde, adheriuse á conmemoración do 75 aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que se efectivizou a través da declaración do ano 2025 como Ano Castelao.
Castelao, segundo recorda Miguel Anxo Fernández Lores, escolleu ser pontevedrés e nesta vila ensinou, foi pai, teceu amizades e traballou con todas as súas forzas por Galicia. "Toda Pontevedra sinte a pegada de Castelao", subliña o rexedor.
Así se aprecia desde a súa casa da Rúa da Oliva até as aulas do instituto Valle-Inclán, dende o Café Moderno até o local do Partido Galeguista na Praza do Teucro, do Museo á Casa da Luz, do piñeiral de Matalobos ao cruceiro de Estribela e dos xardíns de Casto Sampedro a César Boente.
"En Pontevedra sabemos que Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecible", destaca o alcalde en este bando.
A este respecto, recorda que estivo na fundación do Museo de Pontevedra ou da Coral Polifónica, documentou cruceiros, contribuíu á levar a fonte da Ferraría aos xardíns de Casto Sampedro ou que á volta da Bretaña comezou a tradición da borriquiña do Día de Ramos.
Castelao, sostén Fernández Lores, "non foi un veciño calquera, senón un dos máis ilustres", e entre outros fitos sen os seus debuxos non se tería restaurado o rosetón de San Francisco.
O bando do alcalde apunta que os pontevedreses sabemos que Castelao, "foi, como non se cansaba de dicir, un patriota, un home que entregou a súa vida polo país que amaba" e do que chegou ser o primeiro presidente cando no exilio encabezou o Consello de Galiza.
O goberno municipal fai así un chamamento a que fagamos que, entre todos e todas, Pontevedra "siga a ser a cidade que amou e arelou o noso veciño Alfonso Daniel Rodríguez Castelao".
Ademais, confían que as entidades sociais participen na difusión e popularización da súa obra. Ao longo deste ano, o Concello desenvolverá unha programación específica cos mesmos obxectivos.