Pontevedra lanza unha campaña informativa para que a desescalada sexa segura

Pontevedra
10 de maio 2020

A través da concellería de Persoal, o servizo de Prevención de Riscos Laborais creou unha serie de carteis destinados a espazos comúns en edificios e baixos comerciais que inclúen recomendacións sobre como previr o coronavirus

Persoas con mascarilla pola rúa Mónica Patxot

A partir deste luns, Pontevedra entrará na fase 1 da desescalada programada polo Goberno para o desconfinamento da poboación. Isto provocará un incremento da actividade na cidade e das saídas á rúa. Por iso, o Concello acaba de lanzar unha campaña informativa con normas xerais para que, entre todos, consigamos que este proceso sexa seguro.

A través da concellería de Persoal, o servizo de Prevención de Riscos Laborais creou unha serie de carteis destinados a espazos comúns en edificios e baixos comerciais que inclúen recomendacións sobre como previr o coronavirus.

Estes carteis estarán a disposición das comunidades de veciños, empresas, asociacións ou despachos profesionais a través da web municipal sobre a COVID-19.

Trátase de cinco carteis nos que se fan distintas recomendacións sobre a hixiene, os espazos comúns, as distancias de seguridade ou o uso dos ascensores.

Esta medida adóptase logo de detectar unha demanda por parte dalgúns sectores ante a falta de material gráfico para entidades privadas e para particulares na desescalada e na próxima volta á normalidade.

O primeiro dos carteis recolle recomendacións de hixiene como a limpeza de mans, desbotar os panos, tusir no cóbado, evitar tocar ollos, boca e nariz, evitar dar a man para saudarse, lavar as mans frecuentemente ou non compartir obxectos de hixiene persoal.

O segundo, vinculado ao anterior, é tal vez a recomendación máis importante: a distancia social. Este cartel recomenda respectar os dous metros de distancia entre persoas para evitar a propagación do virus.

Pola súa banda, o terceiro cartel recolle como se debe facer unha limpeza de mans: polas palmas, o envés, entre os dedos, con abundante auga e secalas cun pano que debe ser empregado para pechar a billa.

Outro cartel da serie é como se han de quitar as luvas, no caso das persoas que as empreguen. Previa á retirada, hanse lavar ben as mans con auga e xabón, e a continuación secalas seguindo o procedemento. Seguidamente, é preciso volver lavar as mans.

O quinto e último cartel recolle recomendacións sobre o uso dos ascensores. Deben evitarse, pero no caso de facelo debe viaxar unha soa persoa ou ben persoas que convivan ou presenten necesidades especiais que obriguen a acompañalas. Rógase non tocar elementos comúns como espellos, paneis ou barras e non tocar a cara e, cando se saia, lavar as mans.

Dalgúns destes carteis haberá versións pensadas para a actividade profesional, que amplía as recomendacións xerais con medidas específicas para o lugar de traballo.