Primeiro a Cidade é o título do libro sobre mobilidade urbana que acaba de lanzar o Concello de Pontevedra co obxectivo de explicar que ferramentas empregou o goberno local para acougar o tráfico motorizado no últimos vinte anos. "Agora temos un manual para explicar como se consegue o efecto PO2", declarou este luns o concelleiro de Obras e Transporte, Demetrio Gómez.
Nun acto aberto ao público, o vindeiro mércores ás 20.30 horas na Casa da Luz, está prevista a presentación oficial do libro coa presenza do vicepresidente da Deputación e concelleiro de Mobilidade, César Mosquera; e o autor da obra, Fernando Nebot.
Nos sete capítulos que compoñen o libro, o autor disecciona cada un dos elementos dirixidos a reducir a velocidade dos vehículos e a dar prioridade aos peóns na cidade postos en marcha na cidade do Lérez.
"É un manual de referencia para aplicar medidas de acougado de tráfico e tamén para os enxeñeiros", recalcou Gómez, quen recomenda a lectura deste documento para entender as razóns que levaron ao goberno local a aplicar medidas como a ampliación de beirarrúas, a instalación de lombos ou a recente limitación a 10 quilómetros por hora nas rúas que rodean o centro histórico.
A idea de plasmar todas estas revolucionarias medidas aplicadas durante as dúas ultimas décadas nun libro partiu dun informe sobre mobilidade elaborado polos técnicos municipais. Polo seu nivel de detalle e amplitude, o goberno local viu a oportunidade de editalo e presentalo como unha nova ferramenta para explicar o modelo urbano.
Os interesados poden solicitar unha copia da obra nas oficinas do Concello ou descargar a versión dixital da páxina web do Concello. Foron editadas 2.000 unidades en castelán e en galego. Ademais está a piques de ver a luz unha nova tirada en inglés. "É un traballo de normalización lingüística para ou galego porque non hai manuais deste tipo na nosa lingua", concluíu Gómez.