Pontevedra, invitada a participar no Cume Mundial do Clima de París

Pontevedra
17 de outubro 2015

A cidade do Lérez, segundo se coñeceu este venres, terá un papel activo neste encontro. Será unha das localidades de todo o mundo que asinarán a súa adhesión a unha rede de cidades comprometidas co medio ambiente e que se destacaron nos últimos anos por apostar por medidas que, entre outras cuestións, axuden a reducir as emisións contaminantes á atmosfera

Flores nos xardíns da avenida de Santa María Mónica Patxot

Pontevedra estará presente, o próximo 4 de decembro, no Cume do Clima de París. Trátase dun evento auspiciado por Nacións Unidas que reunirá aos principais líderes locais do mundo para acordar como responderá o planeta ao crecente desafío que presenta o cambio climático. E a cidade do Lérez, segundo se coñeceu este venres, terá un papel activo neste encontro. 

Será unha das localidades de todo o mundo que asinarán a súa adhesión a unha rede de cidades comprometidas co medio ambiente e que se destacaron nos últimos anos por apostar por medidas que, entre outras cuestións, axuden a reducir as emisións contaminantes á atmosfera. Nun principio, sumaranse un centenar cidades e Pontevedra estará entre elas -como xa se avanzou tras o premio recibido en Nova York-.

Esta invitación chega da man de Michael Bloomberg, enviado especial de Nacións Unidas para as cidades e o cambio climático, e da propia alcaldesa de París, Anne Hidalgo. Ambos asinan a carta remitida a Miguel Anxo Fernández Lores, ao que convidan a participar neste cume que busca empoderar aos gobernos e ás comunidades para establecer obxectivos máis ambiciosos nesta materia.

As cidades integradas nesta rede comprométense, entre outras actuacións, a adoptar medidas para reducir as emisións de gases contaminantes á atmosfera, limitar a súa vulnerabilidade desde o punto de vista ambiental e sentar as bases para fortalecer a resistencia global contra o cambio climático. Todo iso, ademais, rexistrando todos os progresos que se vaian facendo para un posterior estudo conxunto

"É un orgullo e unha satisfacción ter recibido esta invitación, xa que nos sitúa na punta de lanza a nivel mundial na loita contra o cambio climático", sinalou Fernández Lores, quen avanzou que esta cuestión "vai influír nas decisións que se tomen" en relación ao modelo urbano de Pontevedra. A cidade, dixo, cumpre xa todos os parámetros que se marcarán aos membros desta rede, o que "debería ser un orgullo para todos os cidadáns".

O alcalde celebrou que todos os premios e recoñecementos que Pontevedra está a recibir nos últimos anos "non quedarán aí" xa que forman parte, afirmou, dun proceso no que a cidade "se está a posicionar a nivel mundial" como un referente na redución da contaminación urbana e nos parámetros de calidade de vida que marcan os estándares de organismos como a ONU.

Aínda que Miguel Anxo Fernández Lores asegurou descoñecer aínda as cidades que asinarán a súa adhesión a esta rede, o pasado mes de maio anunciouse que foran convidadas, entre outras, Melbourne e Sydney (Australia), Seúl (Corea do Sur), Vancouver e Montreal (Canadá), París (Francia), Cidade do Cabo (Sudáfrica), Dakar (Senegal), Des Moines (Estados Unidos), Friburgo (Alemaña), Bristol (Reino Unido), Bos Aires (Arxentina), Caracas (Venezuela), Medellín (Colombia) ou Río de Janeiro (Brasil).