Pontevedra investiu 117.000 euros na posta a punto dos colexios para o inicio do curso

Pontevedra
09 de setembro 2021

Desde o pasado mes de abril, o Concello puxo en marcha un programa de actuacións nos colexios do municipio para que os centros puidesen chegar en óptimas condicións ao inicio do curso académico 2021-2022, que arranca oficialmente este xoves

Obras no Paseo de Valle Inclán Mónica Patxot

Desde o pasado mes de abril, o Concello puxo en marcha un programa de actuacións nos colexios do municipio para que os centros puidesen chegar en óptimas condicións ao inicio do curso académico 2021-2022, que arranca oficialmente este xoves.

Os traballos, impulsados polo departamento municipal de Educación, supuxeron diversas reformas, reparacións, pintados, impermeabilizacións e peches nunha vintena de colexios e escolas públicas, melloras reclamadas polas respectivas comunidades educativas.

Para esta fin, o goberno municipal destinou uns 117.000 euros, segundo detallou o edil de Educación, Tino Fernández, na visita que realizou esta mañá aos colexios CEP Campolongo e EEI Concepción Crespo Rivas para supervisar o inicio do curso.

Alí, o concelleiro socialista comprobou o "excelente resultado" da nova senda de formigón no Paseo de Valle Inclán para mellorar o acceso dos escolares a ambos centros, á que se destinaron outros 48.000 euros a maiores.

Só queda pendente un pequeno treito duns 15 metros, que se está a realizar en madeira coa finalidade de respectar un exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental. A previsión é que este tramo estea tamén finalizado na tarde do luns.

Á marxe da senda rematada, Educación tamén renovou a rede de saneamento e substituíu portas de entrada ás aulas na EEI Concepción Crespo Rivas e aínda ten pendente unha reforma de baixantes na zona interior e os corredores do CEP Campolongo.

Nos colexios da zona sur de Pontevedra executáronse actuacións por valor de 52.000 euros.

Neste paquete inclúense a impermeabilización da antiga vivenda do conserxe e a creación de acceso e liña de vida na cuberta do CEIP Álvarez Limeses, a reparación do falso teito no acceso principal do CEIP Barcelos, o pintado de pasillos e reparacións nos baños do CEIP Vilaverde ou e a instalación dun novo motor no portal corredoiro no CEIP Marcón.

A estas obras súmanse o novo pavimento exterior na entrada norte, a reparación de azulexos, o pintado de aulas e un motor no portal corredoiro no CEIP San Martiño, o pintado de aulas e un lavabo para a aula de ciencias no CEIP Cabanas, a revisión do tellado exterior do CEIP Ponte Sampaio e a reparación da porta do ximnasio e do valado de peche do CEIP A Carballeira.

Outros 65.000 euros foron para os colexios situados na zona norte do municipio.

Neles, destacan a reforma dos aseos do ximnasio, o pintado dos recibidores de entrada e a nova marquesiña na porta de acceso ao comedor no CEIP A Xunqueira I, a limpeza e pintado de aulas e sala de profesores, a reparación de xogos no patio infantil, o pintado de varanda e porta exteriores e a reparación de persianas no CEIP A Xunqueira II ou a substitución de portas das aulas na planta baixa, a reparación dun remate levantado na cuberta, a reposición de baldosas no pavimento das aulas e o pintado de aulas e corredores no CEIP Froebel. 

Ademais, na EEI Verducido colocáronse persianas, repúxose a cama de area do patio, arranxáronse arquetas a pé de baixante e limpáronse canlóns, no CEIP Marcos da Portela reparáronse a tarima de ximnasio e os azulexos e limpouse e impermeabilizouse a cuberta do patio e no CEIP Santo André de Xeve reformáronse as escaleiras de acceso ao centro.

Na EEI Fina Casalderrey pintáronse o enreixado exterior e os muros, fíxose a condución de baixante e un peche metálico na entrada posterior e limpáronse as escaleiras de acceso no interior da parcela, no CEIP Manuel Vidal Portela substituíronse os mecanismos eléctricos en dúas aulas de Infantil e instaláronse ventás no ximnasio, no CEIP San Benito de Lérez demoleuse un peche e colocouse un novo metálico e no CEIP Campañó substituíuse un cristal roto e instalouse unha liña de vida na cuberta do pavillón.