Pontevedra instalará na rúa cargadores gratuítos para dispositivos móbiles

Pontevedra
21 de outubro 2018

A cidade de Pontevedra contará moi pronto cun sistema gratuíto que, a través da enerxía hidráulica que xera a rede de abastecemento de auga, permitirá cargar todo tipo de dispositivos móbiles na rúa. Será instalado pola empresa Viaqua nun espazo público que o goberno municipal aínda non determinou

Cargador hidráulico de móbiles similar ao que se instalará en Pontevedra Enerlogy

A cidade de Pontevedra contará moi pronto cun sistema gratuíto que, a través da enerxía hidráulica que xera a rede de abastecemento de auga, permitirá cargar todo tipo de dispositivos móbiles na rúa. Será instalado pola empresa Viaqua nun espazo público que o goberno municipal aínda non determinou.

O primeiro destes cargadores intelixentes será similar ao instalado noutras localidades españolas, entre elas Granada, Murcia, León ou Tarragona.

Está composto por un sistema operativo que permite a carga de tres teléfonos ou dispositivos móbiles ao mesmo tempo, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, aproveitando a enerxía renovable que proporciona a auga.

A autosuficiencia enerxética do equipo conséguese mediante unha picoturbina que aproveita o paso da auga a través da rede urbana de auga potable para alimentar os distintos tipos de cargadores, a partir de enerxía hidráulica limpa e renovable.

Este sistema ao aire libre vai colocado sobre unha peana de aceiro inoxidable que inclúe unha base rectangular que permite, a través dun cristal, visualizar o equipo de xeración da enerxía hidráulica. Alóxase nunha arqueta anexa cun marco executado en aceiro inoxidable, cristal de seguridade reforzado anti vandalismo e iluminación interior LED.

O deseño desta peana permite personalizar o seu cabezal superior, para adaptarse á imaxe corporativa do concello. Terá vinilos especialmente deseñados que poderán incluír fotos e imaxes, logotipos ou códigos QR. 

De forma opcional, ademais, pódese colocar unha pantalla táctil que permite reproducir calquera contido multimedia e que, se así o desexa o Concello, poderá proxectar vídeos promocionais da cidade con información turística, cultural ou de interese xeral.

A adquisición deste cargador público e a súa posterior instalación correrán a cargo de Viaqua, ao ser unha das melloras recollidas na oferta presentada ao recente concurso co que logrou renovar a concesión do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra para o próximos vinte anos.

O Concello, en todo caso, está disposto a estudar colocar un maior número de cargadores na cidade se o sistema ten aceptación entre os cidadáns.