Pontevedra insta formalmente á Xunta e ao Estado a abandonar a Xunqueira de Alba

Pontevedra
18 de abril 2023

O Concello deu este martes un paso fundamental no seu obxectivo por recuperar e rexenerar toda a Xunqueira de Alba. Remitiu peticións formais a todas as administracións con inmobles neste espazo natural instándolles a que abandonen as súas instalacións

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Juan Manuel García

O Concello deu este martes un paso fundamental no seu obxectivo por recuperar e rexenerar toda a Xunqueira de Alba. Remitiu peticións formais a todas as administracións con inmobles neste espazo natural instándolles a que abandonen as súas instalacións.

Están afectados por estes requirimentos as consellerías de Medio Rural, Infraestruturas e Facenda da Xunta de Galicia, os ministerios de Transición Ecolóxica e Interior, a Dirección Xeral de Patrimonio, a Xefatura Central de Tráfico e a Subdelegación do Goberno. 

Todo iso está encamiñado a "conseguir o que queremos", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recuperar as 67 hectáreas que integran o ENIL da Xunqueira de Alba, espazo natural protexido desde o ano 2012.

Esta zona, lembrou Fernández Lores, foi o primeiro espazo galego "blindado" como área natural de interese local e está incluído no catálogo de zonas húmidas de Galicia.

O rexedor pontevedrés detallou que o Concello reclama o cesamento de actividade de todas estas dependencias públicas, esixindo que sexan desmanteladas e trasladadas a outra localización, seguindo o camiño emprendido pola Deputación co parque de maquinaria e a imprenta.

A rexeneración de toda esta zona "é imposible", insistiu Lores, se estas administracións manteñen a súa actual localización, xa que impediría presentar un proxecto para a recuperación integral da Xunqueira, polo que o alcalde ínstalles a "ir tomando decisións".

"É absolutamente imprescindible retirar todos estes equipamentos públicos", sentenciou o alcalde de Pontevedra, que pedirá a Costas a desafectación de toda esa zona para que sexa o propio Concello quen xestione ambientalmente todo este espazo natural.