Pontevedra insta este 25N a "chamar as cousas polo seu nome" e erradicar "eufemismos" sobre a violencia machista

Pontevedra
07 de novembro 2023

A campaña municipal polo 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, recuperará o "contido político" que, segundo a edil de Igualdade, Anabel Gulías, perdeu nos últimos anos, axudando a combater a lacra da violencia machista

Presentación da campaña do 25N en Pontevedra PontevedraViva

A campaña municipal polo 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, recuperará o "contido político" que, segundo a edil de Igualdade, Anabel Gulías, perdeu nos últimos anos, axudando a combater a lacra da violencia machista. 

"O goberno local de Pontevedra é un goberno feminista, e como tal temos a responsabilidade de facer campañas que axuden a comprender e combater a violencia machista", subliñou, ao entender que as institucións públicas deben xogar un "papel fundamental".

Os minutos de silencio polas vítimas "non son de abondo", reiterou a concelleira do BNG, porque a pesar destas mostras de repulsa "as mulleres seguen sendo asasinadas e fronte a esa realidade aparece un discurso negacionista", algo que "non podemos permitir".

Por iso é polo que Pontevedra optase este ano por unha campaña na que, baixo o lema 'As cousas, polo seu nome', busca facer entender á sociedade que "non podemos permitirnos eufemismos, disimulos nin endulzar as situacións que padecen as mulleres no mundo".

A imaxe desta campaña, elaborada por Ovo Publicidade e o CIM, lembra que a violencia que padecen as mulleres "é violencia machista, non doméstica nin intrafamiliar" ou que cando lles chaman feminazis "demostran o seu machismo".

Tamén hai críticas aos medios de comunicación ante titulares como 'Morre unha muller', porque "non morremos por xeración espontánea, e é que cando nos matan nos asasinan, polo feito de ser mulleres, non son liortas domésticas, non son crimes pasionais", apunta a edil.

A programación municipal do 25N incluirá unha serie de actos previos como unha reunión do Consello da Muller Nova ou a inauguración no Teatro Principal, o 16 de novembro, da exposición sobre o programa Xuntas, no que mulleres en situación de vulnerabilidade traballan na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da súa autoestima.

O luns 20 de novembro lerase no pleno municipal o manifesto do 25N, que elaborará a Asociación de Profesionais dos CIM (ASOCIM) e despregarase unha lona no balcón da casa do concello coa campaña gráfica municipal contra a violencia machista.

Ademais, presentarase un proxecto de intervención no espazo público que, segundo Anabel Gulías, honrará a memoria das vítimas da violencia contra as mulleres.

25N, UN DÍA DE REIVINDICACIÓN

O propio 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello sumarase a todas as actividades que organicen os colectivos feministas en Pontevedra.

Así, haberá unha concentración ás 12:00 horas organizada pola Marcha Mundial das Mulleres na Praza da Peregrina e, ás oito e media da tarde, unha manifestación que coordina o Colectivo Feminista de Pontevedra.

Pero o goberno municipal non renuncia a impulsar a maiores unha programación propia. Farao cunha charla sobre violencia machista e un concerto na igrexa de Santa Clara.

Ás 13:00 horas, a xornalista Susana Pedreira charlará coa artista Zahara sobre o seu disco Puta, no que revelou a súa propia historia de abusos. Froito dese traballo, lembrou Gulías, "sufriu todo tipo de ataques e insultos".

"A súa testemuña é moi interesante para achegarnos á realidade de moitas mulleres que son atacadas porque o patriarcado ve fatal a súa faceta pública", destacou a edil de Igualdade.

Esta programación completarase, ás cinco da tarde, cun concerto da artista libanesa Nadine Khouri, que achegará ao público pontevedrés a diferentes realidades da loita feminista en todo o mundo. 

Todas estas actividades serán gratuítas ata completar aforo.

A maiores, o domingo 26 de novembro será a 'andaina do camiño violeta' da Asociación de Amigos da Pontevedrada entre Poio e Pontevedra; o mércores 29 entregarase o premio Ernestina Otero e o 16 de decembro haberá un taller de autodefensa ante situacións violentas.