Pontevedra inaugura a súa "cidade da xustiza" na Parda

Pontevedra
03 de setembro 2019

Pontevedra conta a partir de agora cun edificio xudicial "moderno, fermoso e racional" que, xunto cos actuais xulgados da Parda, formarán unha auténtica "cidade da xustiza" que atenderá ao medio millón de habitantes do partido xudicial. Así o destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa inauguración

Inauguración do novo edificio xudicial na Parda Mónica Patxot

Pontevedra conta a partir de agora cun edificio xudicial "moderno, fermoso e racional" que, xunto cos actuais xulgados da Parda, formarán unha auténtica "cidade da xustiza" que atenderá ao medio millón de habitantes do partido xudicial. Así o destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa inauguración.

Tras máis de tres anos de obras, o goberno galego entregou este martes á cidade a súa nova sede xudicial, situada á beira dos xulgados da Parda. Nela traballarán inicialmente unhas 150 persoas, ás que se sumarán, entre outros, centos de avogados e procuradores.

"Todos os axentes xudiciais terán aquí o seu punto de encontro", explicou Núñez Feijóo dun edificio que ve "digno" e que permitirá satisfacer as necesidades da Pontevedra actual "e do futuro". Os novos xulgados, segundo destacou o presidente autonómico, permitirá mostrar unha "nova e máis eficiente cara" da xustiza en Pontevedra.

Durante a súa inauguración, o titular da Xunta destacou que esta obra forma parte do plan de infraestruturas xudiciais de Galicia, que se puxo en marcha para mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades estruturais da planta xudicial galega. Na última década, dixo, destináronse a este programa uns 115 millóns de euros.

A este diñeiro, o presidente galego sumou os 50 millóns investidos en materia tecnolóxica, que supuxo que o 90% das salas de vistas teñan sistemas de gravación ou que todos os xulgados teñan sistemas de videoconferencia. Ademais, outros 4,7 millóns serán para dotar de mobiliario as novas sedes xudiciais que se construíron en Galicia.

Con este novo edificio e o posterior reordenamento dos vellos xulgados, no que xa traballa a Xunta de Galicia, Pontevedra "queda acabada" a nivel xudicial, segundo Núñez Feijóo.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa "satisfacción" porque se resolvera unha demanda histórica da cidade cun novo edificio xudicial que cualificou como "digno, austero e cunha integración urbana correcta". 

O rexedor destacou tamén que será "imprescindible" para garantir un óptimo servizo a todos os cidadáns que forman parte do partido xudicial de Pontevedra e celebrou a etapa de "entendemento" do goberno municipal coa Xunta de Galicia. "Afortunadamente chegamos a acordos para que Pontevedra avance", dixo.

Para representar ao ámbito xudicial tomou a palabra o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, que destacou que este edificio supón "un antes e un despois" ao solucionar as "graves carencias" que había na cidade. Este inmoble, dixo, converterase na "imaxe" dunha xustiza actual que é "áxil, transparente e aberta á sociedade".

O presidente en funcións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Antonio Jesús Outeiriño, engadiu que os novos xulgados contribuirán a "dignificar" as condicións nas que traballan os profesionais da xustiza en Pontevedra, o que axudará a que os cidadáns "refuercen su confianza" nun dos "pilares básicos" do estado de dereito. "Sin los medios que necesitamos no podemos cumplir nuestra función", sinalou.

Entre outras autoridades e representantes da sociedade civil, á inauguración dos novos xulgados tamén acudiu a vicepresidenta do Congreso, Ana Pastor; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; ou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.

O presidente da Audiencia de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez; o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; ou o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), José Manuel Fernández Martínez; tampouco faltaron a unha cita que non se perderon os alcaldes de Poio, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade ou Vilanova de Arousa.

MÁIS DE 21 MILLÓNS DE INVESTIMENTO

O proceso de traslado dos xulgados a este novo edificio será "complexo", segundo a Xunta, pero confían en que estea completado a finais de ano

O novo edificio xudicial, que supuxo un investimento de 21 millóns de euros, é un inmoble de seis plantas e máis de 23.000 metros cadrados. Ocupa uns terreos cedidos polo Concello de Pontevedra e estará conectado cos actuais xulgados da Parda mediante unha pasarela acristalada en altura.

A planta baixa e a planta primeira albergarán o rexistro civil, as dezaseis salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación.

No resto do edificio, que terá capacidade para 28 unidades xudiciais, situaranse os diferentes xulgados que se trasladarán a estas instalacións. Serán, por agora, catorce: os cinco de primeira instancia, os dous de mercantil, os catro de social e os tres de contencioso administrativo. Ocuparán as plantas segunda, terceira, cuarta e quinta.

A sexta e última planta quedará sen ocupar por agora. Está aínda sen dividir e reservarase para futuros crecementos e necesidades de espazo. Ademais, os dous sotos albergarán un aparcamento para os traballadores dos xulgados e os arquivos, entre outras dependencias.

OS TRASLADOS, EN BREVE

A Xunta de Galicia, en colaboración coa propia administración de xustiza, deberá organizar a partir de agora o proceso de traslado dos diferentes xulgados que ocuparán o novo edificio. Será, segundo recoñeceu o vicepresidente galego Alfonso Rueda, un proceso "complexo" que confía en que estea completado a finais de ano.

Os plans iniciais do executivo autonómico pasan por abordar dous traslados cada quince días e a orde, en principio, estará determinado pola carga de sinalamentos e vistas que teña cada un dos xulgados. De cara ao acondicionamento desta nova sede, a Xunta investirá dous millóns de euros adicionais en mobiliario e equipamento informático.

Unha vez se complete este traslado, abordarase a situación do actual edificio xudicial, onde quedarán os catro xulgados penais, os tres de instrución, a Fiscalía, o servizo de Vixilancia Penitenciaria e Menores. Para iso, a Xunta xa encargou un proxecto para deseñar a súa reordenación e acondicionar os espazos dispoñibles.