Pontevedra impulsará o primeiro premio literario en Galicia sobre diversidade sexual

Pontevedra
16 de xaneiro 2020

Pontevedra dará un paso máis cara a visibilización e concienciación sobre a realidade LGTBIQ+. Vaino a facer en colaboración da Editorial Xerais coa convocatoria do primeiro premio literario que, no ámbito galego, recoñecerá traballos relacionados coa diversidade sexual

Presentación das actividades do programa Pinto e Maragota Cristina Saiz

Pontevedra dará un paso máis cara a visibilización e concienciación sobre a realidade LGTBIQ+. Vaino a facer en colaboración da Editorial Xerais coa convocatoria do primeiro premio literario que, no ámbito galego, recoñecerá traballos relacionados coa diversidade sexual.

Esta é a principal novidade do programa municipal Pinto e Maragota para 2020, segundo avanzou a edil de Igualdade, Paloma Castro. 

O calendario de actividades de Pinto e Maragota arrancará o sábado 1 de febreiro coa celebración do segundo congreso A diversidade sexual e de xénero nas aulas, que terá lugar no Pazo da Cultura e ao que asistirá, entre outros, o cantautor madrileño Viruta, un dos principais referentes do activismo trans en España.

No congreso participarán tamén a pediatra Inés del Río, que falará sobre a diversidade sexual na infancia; ou a activista trans Ada Otero, que analizará aspectos legais. Haberá ademais dúas mesas redondas, unha sobre o tratamento desta realidade nas aulas e outra sobre a realidade trans con Laura Bugalho, Marcos Ceive e Rihanna Currás.

O congreso incluirá a proxección do documental Noite irisada, dirixido por Bea V. Campaña e producido por Fernando Rodríguez, que repasa a loita do colectivo LGTBI en Galicia

No primeiro semestre do ano tamén se impulsará a campaña Deporte Diverso, consistente na creación dun vídeo en colaboración con clubs deportivos da cidade para promover a tolerancia e o respecto pola diversidade sexual no deporte; e regresarán os vermús de Pinto e Maragota, con actuacións musicais, espectáculos de cabaret, danza, poesía e faladoiros.

A concelleira de Igualdade avanzou a súa intención de que, a partir de setembro, estas accións de Pinto e Maragota se centren no ámbito escolar a través proposta de lecer Somos Diversxs, con contos e xogos que buscarán promover a reflexión e a empatía nos máis pequenos.

No que atinxe ao alumnado de ESO e Bacharelato, ao igual que o ano pasado se celebraron os 50 anos da loita LGTBI a raíz dos disturbios de Stonewall, para o 2020 contémplase a celebración dunha actividade arredor da memoria histórica do colectivo en Galicia, con lecturas, charlas e videoforums nos institutos de Pontevedra.