Pontevedra impulsa o seu primeiro protocolo de coordinación para atender a vítimas de agresións sexuais

Pontevedra
30 de outubro 2019

A Mesa da Violencia Machista do Concello de Pontevedra reuniuse este mércores para analizar o primeiro borrador deste protocolo que pretende establecer a orde da cadea de intervención das Forzas e Corpos de Seguridade, profesionais sanitarios e forenses

Reunión da Mesa da Violencia Machista do Concello de Pontevedra Concello de Pontevedra

A Mesa da Violencia Machista do Concello de Pontevedra reuniuse este mércores para analizar o borrador do primeiro protocolo de coordinación para a atención das vítimas que, entre outros aspectos, recolle a cadea de orde de intervención das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os profesionais dos centros sanitarios e os forenses á hora de atender os casos de agresión sexual.

Este protocolo, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, pretende alcanzar unha coordinación máis estreita entre os axentes implicados, especialmente entre a policía e os centros de saúde.

"Está nunha fase incipiente, á espera de que se fagan as achegas pertinentes e se corrixan varios puntos", declarou a concelleira Paloma Castro, quen, como avogada especializada en violencia de xénero, atopouse en múltiples ocasións "cun enorme baleiro no eido da orde de actuación que se segue tras unha agresión sexual. Agora mesmo estase a actuar sobre a marcha".

Na reunión deste mércores participaron, ademais da edila socialista Paloma Castro, a directora do CIM, Rosa Campos; e representantes da Policía Local, Consellería de Sanidade, Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Subdelegación do Goberno, Fundación Meniños, Policía Autonómica, Policía Nacional, centro de saúde da Parda, unha traballadora social do Concello e unha axente de Igualdade do CIM.