Pontevedra homenaxeará a Virxinia Pereira no 50 cabodano do seu pasamento

Pontevedra
18 de decembro 2019

A pesar de nacer na Estrada, Virxinia Pereira mantivo toda a súa vida unha profunda relación con Pontevedra. Sempre á par de Castelao, residiu na Boa Vila ata o golpe de Estado de 1936 e foi unha persoa crave para que a obra do intelectual galeguista quedara depositada no Museo de Pontevedra

Virxinia Pereira Asociación Cultural Vagalumes

A pesar de nacer na Estrada, Virxinia Pereira mantivo toda a súa vida unha profunda relación con Pontevedra. Sempre á par de Castelao, residiu na Boa Vila ata o golpe de Estado de 1936 e foi unha persoa crave para que a obra do intelectual galeguista quedara depositada no Museo de Pontevedra.

De aí que, no marco do 50 cabodano do seu pasamento, o Concello promove un acto de homenaxe na cidade, en colaboración co Museo de Pontevedra e coa Asociación Cultural Vagalumes da Estrada. Será o venres 20 de decembro, ás 20.00 horas, na Casa da Luz.

A homenaxe terá formato de intervención escénica, na que se dramatizará a entrevista que Virxinia Pereira lle concedeu ao Progreso de Lugo, nunha visita a Galicia en agosto de 1968.

Na dramatización participarán unha actriz e ou actor do grupo de teatro afeccionado da asociación Vagalumes. Así, Clara Iglesias representará a Virxinia Pereira e Tino Regueira fará o papel do xornalista entrevistador, nunha intervención escénica que foi dirixida polo dramaturgo Lucho Penabade.

A homenaxe mostrará a vinculación de Virxinia Pereira con Pontevedra e o compromiso que mantivo coa loita galeguista e antifranquista que deixou patente en varias cartas que, sobre todo tras o pasamento do seu home, enviou a diferentes personalidades da cultura galega.

Ademais, tivo unha postura crítica contra os achegamentos ao réxime e realizou varias viaxes a Galicia ao longo dos anos 60 co obxectivo de manter o legado artístico de Castelao reunido, e máis concretamente depositado no Museo de Pontevedra, que fora a institución museística que el mesmo axudara a crear a finais da década de 1920.

Estes actos continuarán no concello natal de Virxinia, A Estrada, cunha ofrenda diante da súa tumba o luns 23 ás 17:00 horas e posteriormente nese mesmo día unha conferencia e a intervención escénica referida, ás 20:30 horas, na sala de exposicións do MOME.