Pontevedra executou máis da metade dos 12,5 millóns dos fondos EDUSI

Pontevedra
11 de abril 2022

Así, aínda que o Goberno ampliou un ano máis, ata o 31 de decembro de 2023, a data límite para completar os proxectos incluídos neste programa europeo, o Concello confía en que todas as actuacións que están pendentes estean iniciadas antes do verán

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal Mónica Patxot

Un 57% dos 12,5 millóns de euros que as autoridades europeas concederon a Pontevedra dentro do programa de fondos EDUSI xa foron executados e certificados. Así o destacou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

"Estamos verdadeiramente satisfeitos porque o nivel de execución é moi alto", sinalou Gulías, xa que o Ministerio de Facenda desvelou que a media de execución no conxunto de todo o Estado español é de apenas un 8,96%.

Así, aínda que o Goberno ampliou un ano máis, ata o 31 de decembro de 2023, a data límite para completar os proxectos incluídos neste programa europeo, o Concello confía en que todas as actuacións que están pendentes estean iniciadas antes do verán.

Dentro dos proxectos xa terminados, inclúense entre outros a rehabilitación da ponte do Burgo, a reforma do pavillón da ONCE, a reforma integral do Gorgullón e as súas rúas perimetrais, o parque forestal da Fracha ou a obra realizada no mercado de abastos.

O goberno municipal móstrase convencido de que "acabaremos en prazo" os proxectos restantes, xa que ao sumar os que están xa en execución, a porcentaxe de fondos europeos comprometidos "en diferentes niveis de tramitación" sobe ata o 86%.

Dentro deste apartado, o Concello confía en que a reforma do edificio municipal de Santa Clara, que acollerá o CIM e diferentes programas en materia de igualdade, estea terminada en maio. Problemas coa subministración do mobiliario demorarán dous meses a súa finalización.

Catro meses máis dos previsto, ata outubro, durará a reforma do Centro Sur, que entre outros servizos, acollerá unha residencia sociosanitaria, tras detectar problemas de humidades nas paredes que non estaban contemplados no proxecto inicial.

Tamén están en marcha "e moi avanzados", enumerou a edil do BNG, o plan de transporte a demanda, o laboratorio da infancia, as melloras na administración electrónica ou a rede viaria e peonil interparroquial, esta última xa en contratación.

Iso si, Anabel Gulías recoñece que "nos preocupa o que está pendente", ese 16% de fondos europeos restantes, nos que figuran proxectos de "especial dificultade" como o mercado de novos creadores, a mellora da contorna do colexio de Campañó, o proxecto para o río Gafos ou o programa para dotar ao rural pontevedrés de novas tecnoloxías.

"Queremos rematar canto antes cos EDUSI para traballar noutros programas", engadiu Gulías, ao entender que iso permitiría a Pontevedra partir cunha "vantaxe inicial" de cara ao futuro.

Sexa como sexa, a portavoz do goberno municipal considera que Pontevedra ten "moi boa base" para optar a novos fondos que poidan chegar dunha hipotética reprogramación dos EDUSI ou a través do resto de programas europeos como os fondos Next Generation.