Pontevedra estuda un plan para estender a fibra óptica por todo o centro histórico

Pontevedra
14 de xullo 2020

Técnicos municipais están a estudar a posibilidade que puxo a Xunta de Galicia encima da mesa para que o centro histórico de Pontevedra, do mesmo xeito que outros 31 conxuntos históricos da comunidade, conten con fibra óptica en todo o seu ámbito urbano

Praza da Leña, Pontevedra Mónica Patxot

Técnicos municipais están a estudar a posibilidade que puxo a Xunta de Galicia encima da mesa para que o centro histórico de Pontevedra, do mesmo xeito que outros 31 conxuntos históricos da comunidade, conten con fibra óptica en todo o seu ámbito urbano.

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, confirmou que o goberno galego remitou unha carta ao Concello para presentarlles esta iniciativa e saber se estarían interesados nela.

En concreto, o que propón a Xunta de Galicia é impulsar unha consulta aberta aos operadores para despregar a fibra óptica nestas zonas protexidas.

Unha vez que se coñezan os municipios interesados -entre outros tamén foron convidados Cambados e Poio, este último polo centro histórico de  Combarro-, os operadores formularán os posibles plans de despregamento para cada un destes ámbitos.

Estes proxectos estarán baseados no catálogo de solucións técnicas elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o operador público Retegal e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 

Para elaborar esta guía partiuse do caso concreto de Santiago, onde un equipo multidisciplinar de arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos especializados en fibra óptica elaborou propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos.

No caso de Pontevedra, segundo explica Moreda, unha gran parte do centro histórico xa conta con fibra óptica, mentres que en moitas outras rúas, que se reformaron recentemente, xa contan coa infraestrutura preparada para as conexións dos operadores.

Sería, aproximadamente, unha decena de rúas que aínda non foron reformadas as que estarían máis atrasadas á hora de poder contar cunha rede destas características, polo que este plan podería ser un impulso definitivo para completar este servizo.