Pontevedra está "lixeiramente por riba da media galega" en novos casos de Covid, segundo Sanidade

Pontevedra
27 de outubro 2020

Nunha comparecencia celebrada este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que "nos preocupa" a situación que está a ter o virus na comarca de Pontevedra, cunhas taxas de detección 172,6 casos por cada 100.000 habitantes no últimos sete días e de 264,5 casos en 14 días

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu este martes que "nos precupa a situación que está tendo o virus en cidades como Lugo, Ferrol, a cormaca de Pontevedra e a comarca de Vigo".

Comesaña compareceu ante os medios de comunicación para informar dos asuntos tratados no comité clínico de Sanidade en relación á pandemia de Covid, e fíxoo acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores.

Segundo os datos, explicou a responsable de Saúde Pública, "Pontevedra estaría lixeiramente por riba da media galega" porque "foi incrementando especialmente nos últimos 4 días tanto o número de casos como nas taxas acumuladas".

Esas taxas acumuladas colócanse actualmente nos 172,6 casos por cada 100.000 habitantes durante os últimos 7 días e en 264,5 casos en 14 días.

A pesar desas cifras polo momento o comité clínico non recomendou aplicar novas medidas restritivas na comarca, como as xa implantadas noutras zonas de Galicia como Ourense ou Santiago de Compostela, máis aló das establecidas a nivel xeral como o recentemente aprobado toque de queda. "O vindeiro venres de ser necesario nunha nova reunión do comité se axustarían as restricións", apuntou o conselleiro.

Neste sentido Julio García Comesaña confirmou que Galicia seguirá a recomendación do Goberno central mantendo o horario de restrición de mobilidade entre as 23.00 horas da noite e as 6.00 horas da mañá.

"Non nos cansamos de insitir en que hai que tomarse con moita responsabilidade as restricións. Está nas nosas mans, de todos nós, que o Nadal non sexa tan malo como algúns auguran", sinalou pedindo responsabilidade a todos os galegos.

Por último o responsable de Sanidade referiuse ao brote iniciado no servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra, que este luns sumaba xa 54 afectados. "Preocúpanos, obríganos a revisar os protocolos para saber de que xeito se diseminou esta infeción", recoñeceu lembrando o cribado realizado a profesionais e pacientes do complexo hospitalario.