A corporación municipal de Pontevedra esixe á Xunta de Galicia que manteña aberta a unidade de Primaria da escola de Verducido, que Educación decidiu pechar o próximo curso alegando que non existe demanda suficiente. O PP votou en contra desta moción.
O portavoz do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, lamentou a "persecución" e a "asfixia" do goberno galego con esta escola rural, da que lembrou que é un "centro de referencia" en Pontevedra en materia de calidade educativa.
Nunha decisión "sen máis fundamento que o económico", segundo o tamén responsable de Educación no goberno municipal, Verducido corre o risco que quedar sen esta unidade de Primaria a pesar de que "non existe ningún indicador obxectivo" que xustifique o contrario.
Fernández defendeu que a matrícula nesta escola é "estable" e que non existe "perda na calidade do ensino", polo que entende que "está claro que o único motivo é reducir o gasto no público e ampliar máis a fenda entre os que poden e os que non poden".
Ademais, lamentou que ao PP "éncheselles a boca" ao falar do rural e, ao mesmo tempo engadiu, adoptan decisións que contribúen ao despoboamento destas zonas.
Desde as filas do PP, Rafa Domínguez lamentou que o goberno municipal defenda algo que "no se corresponde con la realidad". A escola de Verducido, segundo o portavoz popular, ten un "problema de fondo muy serio" que identificou con que "no hay niños".
O nivel de matrícula, sinalou Domínguez, é "absolutamente insuficiente" para poder manter a unidade de Primaria. "No se acerca al número mínimo y todos los sabemos", asegurou, polo que "no es asumible" tela aberta "para tres, cuatro o cinco niños".
Tras apelar a cuestións económicas ao afirmar que "no es lógico" manter un colexio para tan poucos nenos, o líder do PP subliñou que "tampoco es bueno para los propios alumnos" porque "tener clases vacías y sin amigos" afecta o seu desenvolvemento persoal.
REXEITAMENTO AO PAVILLÓN DE PONTE SAMPAIO
O PP, por outra banda, pediu ao Concello que constrúa un pavillón de deportes en Ponte Sampaio, no espazo onde estaba o antigo campo de fútbol, entre o colexio, a praia e o novo campo. Entenden que estaría nun emprazamento "privilexiado".
Rafa Domínguez explicou que este pavillón "daría mucho servicio" ao colexio e converteríase nun "polo de atracción importante" para unha zona na que, ademais, reclaman unha zona verde arborizada, un local social, baños públicos ou que se repoña o palco das festas.
O goberno municipal rexeitou esta proposta ao entender que os populares actuan "ao ditado" dun militante da zona e que pretenden "impoñer unha realidade do pasado", segundo censurou o edil Alberto Oubiña.
Oubiña entende que é "sorprendente" que unha vez "liberados" os terreos do campo de fútbol, que estaba nun espazo natural xunto á praia, como acordaron os colectivos da parroquia, agora propoñan "retornar" á situación anterior. "Traian propostas serias", concluíu.
O pleno tamén rexeitou a iniciativa do PP para que se faga un estudo para recolocar os contedores de lixo na cidade e conxugar os "intereses que colisionan" entre veciños ou comerciantes. BNG e PSOE non apoiaron esta moción ao lembrar que son os técnicos os que deciden onde se colocan.