A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a acometer nestes días unha plantación masiva de flores en diversas zonas verdes, prazas, rúas e rotondas de Pontevedra.
Deste xeito, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns sementou de chamativos arranxos florais espazos como a Praza de Barcelos, os xardíns de Marescot, os maceteiros de Benito Corbal e as glorietas de 12 de Novembro con Loureiro Crespo e a do entronque de Paseo de Colón coa Alameda e Raíña Vitoria.
Tal e como apunta Iván Puentes, "con esta intervención pretendemos engalanar Pontevedra cunha plantación de 5.000 flores e plantas".
Na zona da rotonda de San Roque (Paseo de Colón) e os seus xardíns anexos, onde a planta principal no espazo central é a celosía argentea, cunha composición de plantas que teñen un aspecto plumoso e que varían en tonalidades harmónicas desde o vermello ata o laranxa e o amarelo. Nos xardíns anexos á rotonda a composición está formada por taxetes en forma de pompón e por salvias nemorosas, en segundo plano.
Nos xardíns da Alameda e de Marescot (diante da facultade de Belas Artes) desenvolveuse unha composición a base de plantas vivaces acompañadas dalgunhas plantas de tempada, como os alyssum, cóleos, taxetes, hemerocallis de cor amarela, algunhas gramíneas e outros tipos de plantas con flor vivaz.
Os traballos tamén se estenderon ata a rotonda de 12 de Novembro, onde se renovou totalmente a composición floral a base de varios tipos de begonia, anémonas, hemerocallis, coreopsis, heliotropos, lavandas... Acadando unha riqueza botánica e, ao mesmo tempo, garantindo que haxa unha continuidade de floración durante unha época importante do ano. Ao igual que nas das zonas verdes de Marescot, empregáronse plantas que teñen un carácter de maior sostibilidade, ao seren especies que se manteñen durante varios anos nos xardíns.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén mellorou de xeito ostensible as xardineiras de Benito Corbal, que foron 'vestidas' con salvias, altromerias, guineanas e algún xeranio (mantendo a base verde formada por hedras e por acevos) e as situadas na zona máis próxima ao parque de xogos infantís da Praza de Barcelos, nas que se empregaron tulbaxhia violacea (unha planta moi resistente e que, como as anteriores, reduce o consumo de auga), scaevola e algunha begonia.
Segundo explica Iván Puentes, "tamén se volveron colocar as orfinias e outras plantas que foran roubadas nos macetóns da Alameda e completáronse os restantes macetóns, cara á zona de Echegaray".
Nesta intervención para enfeitar os nosos xardíns participaron varias empresas do noso contorno, así como a brigada municipal de Parques e Xardíns, cun investimento global que supera os 12.000 euros. Os traballos seguirán adiante noutros puntos da cidade.