"A pandemia non nos pode calar". Con esta premisa, a concelleira de Igualdade e Benestar de Pontevedra, Paloma Castro, presentou este mércores a programación deseñada desde o Concello para celebrar a Semana do Orgullo LGTBIQ+ 2020. Este ano, a pesar das limitacións impostas pola crise sanitaria do coronavirus, Pontevedra vai seguir adiante coa reivindicación de dereitos cunha serie de actos que levarán por lema 'Non á plumofobia'.
Todos os actos estarán marcados polas "medidas sanitarias e de protección" esixidas polas autoridades sanitarias "para non ter que lamentalo" e chegarán a todos os recunchos da cidade a partir do luns 22 de xuño. A inauguración chegará ese día ás 12.00 horas coa presentación da instalación artística ‘Non á plumofobia’ no balcón da Casa Consistorial e a partir de aí encherán toda a cidade de plumas sintéticas para dar a coñecer a posición municipal "contra a plumofobia".
Ademais, a partir do mércores 24 van encher os xardíns das prazas de España e Ourense de flores coa bandeira multicolor do Orgullo, o martes 23 haberá un Contacontos Diverso e un San Xoán Travesti no Gastroespazo do Mercado de Abastos, darase a coñecer o fallo da obra gañadora do I Premio Literario pola Diversidade e o sábado 27 regresarán os Vermús de Pinto e Maragota á Praza da Verdura cun espectáculo protagonizado por MarikasXlaFiesta, Meiga_i e Ariezzz.
Un dos eixos da programación será a Caravana LGTBIQA+, que estará aparcada nas inmediacións da Praza de Ourense o venres 26 de xuño para poñer en marcha unha campaña informativa e de sensibilización artellada dende o Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) do Concello de Pontevedra, presentado xusto antes da pandemia e que con este tipo de actos pretender darse máis a coñecer.
A caravana foi este martes o lugar elixido para a presentación da programación. Así, instalouse na praza da Peregrina e acompañárona Paloma Castro; o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; a responsable do CIDES, Ada Otero; a psicóloga e sexóloga Mónica Novas; e a coordinadora do programa municipal Pinto e Maragota, Eva Mejuto.
O venres 26 a caravana repartirá flyers, pulseiras, máscaras e outros materiais a prol da diversidade de sexo e xénero, así como material informativo que lembra que 8 de cada 10 casos de violencia sobre persoas LGTBIQA+ non se denuncian e incide en cuestións básicas como non dar por feito o xénero das persoas que nos rodean ou a importancia da diversidade para axudarnos a aprender as diferenzas e a medrar sen prexuízos nin etiquetas
Ada Otero sinalou que a pesar de que a presentación do CIDES coincidiu co inicio da pandemia e moita xente aínda non coñece o servizo, durante estes meses recibiron moitas consultas en liña e despertaron o interese de persoas que están a realizar traballos de fin de grao, carreira ou máster. Para dar a coñecer máis o servizo "vai estar móbil" durante a próxima semana nesta caravana.
Ademais, Otero animou a todos aqueles que sexan testemuñas dalgunha situación de acoso ou agresión cara persoas do colectivo LGTBIQA+ a denuncialo, lembrando o teléfono de contacto do CIDES (676 09 73 39) e o seu correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com'.