Pontevedra, en Foz de Iguazú para presentar o seu modelo urbano

Pontevedra
14 de setembro 2018

Ata Foz de Iguazú desprazouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para falar do modelo urbano da Boa Vila. Será nunha conferencia que terá lugar no marco de Termatalia, a feira internacional de turismo termal, saúde e benestar que desenvolverá nesta localidade brasileira ata o sábado

Inauguración da feira Termatalia en Foz de Iguazú Concello de Pontevedra

Ata Foz de Iguazú desprazouse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para falar do modelo urbano da Boa Vila. Será nunha conferencia que terá lugar no marco de Termatalia, a feira internacional de turismo termal, saúde e benestar que desenvolverá nesta localidade brasileira ata o sábado.

Fernández Lores, que viaxou invitado pola organización xunto coa concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, exporá este venres a transformación urbana de Pontevedra no panel Cidades termais e sostibles, xunto a Jorge Pumar Tesouro, concelleiro de Turismo e Termalismo de Ourense e Rui André, presidente da Cámara de Monchique (Portugal).

Na primeira xornada da delegación pontevedresa en Brasil, o alcalde e a concelleira asistiron á inauguración oficial de Termatalia 2018, presidida polo ministro de Turismo de Brasil, Vinicius Lummertz, co que o alcalde estivo departindo.

O representante do Estado de Brasil explicoulle a Lores que estivo en Pontevedra hai dous anos, nunha visita que fixo a Galicia, e que quixo achegarse á cidade do Lérez xa que tiña referencias da súa singularidade urbana.

O alcalde tamén mantivo contactos co secretario de Turismo do Estado de Paraná e cos organizadores de Termatalia, especialmente, co concelleiro de Turismo de Foz de Iguazú, Gilmar Piolla, e copropietario dun dos grandes complexos hoteleiros da zona, Altino Voltoni, onde se celebra nestes días Termatalia.

Ademais, o alcalde e a concelleira Anabel Gulías sumáronse á delegación galega en Termatalia xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar, ou o presidente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor, cos que visitaron os stands de Galicia e de Ourense na feira termal.

A asociación termal, da que forman parte 18 balnearios galegos -entre eles os de Cuntis, Caldas de Reis ou O Grove , presentará en Brasil as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística.

Xunto coa ponencia do alcalde, a delegación pontevedresa tamén asistirá á conferencia sobre o Camiño de Santiago que se celebrará no marco da feira.