Pontevedra, en folga polo clima: "Estamos a saltarnos as nosas clases para darvos a vós unha"

Pontevedra
27 de setembro 2019

A cidade do Lérez sumouse á convocatoria con iniciativas a nivel institucional e social nas que o estudantado pontevedrés de infantil, primaria e secundaria cobrou especial protagonismo, facendo un alto nas súas clases para secundar a Folga Mundial polo Clima convocada a nivel internacional ante a situación de emerxencia climática 

Concentración na Peregrina durante a Folga Mundial polo Clima Cristina Saiz

"Non hai planeta B". En pancartas, en consignas gritadas en plena rúa e mesmo en camisetas. A mensaxe escoitouse este venres por todas as partes en Pontevedra no marco das distintas actividades organizadas con motivo da Folga Mundial polo Clima convocada a nivel internacional #ante a situación de emerxencia climática. A cidade do Lérez sumouse á convocatoria con iniciativas a nivel institucional e social nas que o estudantado pontevedrés de infantil, primaria e secundaria cobrou especial protagonismo, facendo un alto nas súas clases para secundalos. 

A pesar da choiva presente durante toda a mañá deste venres, as rúas e prazas de Pontevedra enchéronse de consignas e pancartas que, por si mesmas, xa permiten resumir o obxecto desta folga mundial. "Nin un grao máis, nin unha especie menos", "Planeta, escoita, aquí estamos en loita", "Rebelión ou extinción", "O noso futuro non se vende" ou "Es una urgencia, lo dice la ciencia" foron algúns dos lemas que encheron o ambiente. 

En canto ás pancartas, algunhas das máis rechamantes foron "Para que estudar se non hai futuro?", "Únete á manifestación, es parte da solución", "Estamos a saltarnos as nosas clases para darvos a vós unha" ou "Se o planeta fose un banco, xa o teríades rescatado".

Os actos concentráronse entre as 11.30 e as 13.00 horas en distintos puntos da cidade. O Concello de Pontevedra despregou a pancarta 'Efecto PO2' no balcón da Casa Consistorial coa presenza de políticos de todos os grupos con representación na Corporación; na Deputación Provincial de Pontevedra convocouse un paro de catro minutos e 15 segundos e unha concentración no acceso ao Pazo Provincial como protesta contra o récord de concentración de CO2 na atmosfera alcanzado o pasado mes de abril -415 partes por millón-; e o Movemento Galego polo Clima entregou un manifesto na Subdelegación do Goberno

Tras esas tres convocatorias, chegou o acto central da mañá -pola tarde convocouse unha manifestación pola emerxencia climática-, unha concentración na praza da Peregrina convocada pola Rede de Escolas Asociadas á Unesco e secundada por institucións e colectivos como a Fanpa ou a Federación Castelao na que os alumnos do instituto Luís Seoane Iria Gómez e Pablo Abeleira leron un manifesto redactado para a ocasión. 

Antes de que soase unha canción composta polo conservatorio Manuel Quiroga, integrado na Rede de Escolas Unesco, os estudantes reivindicaron, en nome de todos os presentes, un "compromiso firme e combativo de toda a cidadanía", pois "estamos a nos xogar noso presente e o noso futuro, non podemos consentilo"

Os incendios que están a arrasar os pulmóns verdes do planeta, as augas dos ríos convertidas en "chorros de cores e de químicos", a economía globalizada e de consumo que está a utilizar os países en vías de desenvolvemento como entulleiras, os mares e océanos convertidos en entulleiras de residuos plásticos, nucleares e químicos e a concentración de gases CO2 na atmosfera protagonizaron o manifesto, no que insistiron en que "todo ten unha única e xigantesca causa: a economía capitalista e de consumo na que vivimos"

"O capitalismo mata o planeta e está abocado ao fracaso. Porque nós, toda a mocidade aquí presente, non imos permitir que destrúan o noso medio de vida, o noso planeta, o noso fogar", advertiu o alumnado pontevedrés, que esixe a todas as institucións, desde as locais ás estatais, internacionais, provinciais e autonómicas que actúen.