Pontevedra empeza a prepararse para celebrar o Nadal

Pontevedra
02 de novembro 2021

Os primeiros motivos do Nadal xa son visibles nas rúas da cidade. Nos últimos días comezaron a instalarse os arcos luminosos que decorarán os espazos públicos de Pontevedra durante as próximas festas de Nadal. A iluminación non se acenderá, previsiblemente, ata dentro dun mes

Operarios realizando a instalación da iluminación de Nadal en 2021 Mónica Patxot - Arquivo

Os primeiros motivos do Nadal xa son visibles nas rúas da cidade. Nos últimos días comezaron a instalarse os arcos luminosos que decorarán os espazos públicos de Pontevedra durante as próximas festas de Nadal.

Aínda que a iluminación non se acenderá, previsiblemente, ata dentro dun mes, os responsables da iluminación optaron por acelerar estes traballos para que todo estea a punto canto antes.

Os máis madrugadores foron os comerciantes do centro histórico, que xa instalaron un gran arco de "Boas Festas" na rúa Fernández Villaverde. Seu será a iluminación de gran parte da zona vella da cidade, no que investirán unha cantidade similar á do pasado ano, no que destinaron uns 18.000 euros.

Pola súa banda, Creaciones Luminosas foi a gañadora do concurso aberto polo Concello para encargarse desta iluminación en toda a cidade, traballos polos que recibirá case 132.000 euros. Trátase dunha cantidade practicamente idéntica á que se investiu o pasado ano.

A maiores da decoración esixida polo goberno municipal, a empresa comprometeuse a instalar oito arcos transversais máis e dez motivos nos farois da cidade.

ENTROIDO E  FESTAS DE VERÁN

A mesma compañía que instalará a iluminación do Nadal será a encargada das luces das Festas de Verán 2022, que terán un orzamento duns 38.000 euros. Ofertaron dez arcos e dez motivos en farois máis dos esixidos na licitación.

A iluminación do Entroido 2022, pola súa banda, correrá a cargo de Porgesa, unha empresa con sede en Puente Genil (Córdoba). Neste caso, a iluminación custará 17.000 euros e contará con vinte arcos e vinte motivos máis dos previstos inicialmente.