Pontevedra eleva o seu orzamento ata os 116,5 millóns de euros tras liquidar as contas de 2023

Pontevedra
16 de abril 2024

Nin un mes pasou desde que se aprobaron, a través dun decreto do alcalde, o orzamento municipal de Pontevedra para 2024 que, inicialmente, era de 94,7 millóns de euros. Pero esa cifra xa quedou pequena tras a liquidación das contas do exercicio anterior

Raimundo González, concelleiro de Facenda de Pontevedra Mónica Patxot

Nin un mes pasou desde que se aprobaron, a través dun decreto do alcalde, o orzamento municipal de Pontevedra para 2024 que, inicialmente, era de 94,7 millóns de euros. Pero esa cifra xa quedou pequena tras a liquidación das contas do exercicio anterior.

"A día de hoxe", segundo explicou o edil de Facenda, Raimundo González, o orzamento sitúase xa nos 116,5 millóns. Isto é debido á incorporación dos remanentes de 2023, compromisos de pago que ascenden a 21.779.000 euros.

González, que sostivo que "xa estamos con outro orzamento diferente ao aprobado", avanzou que a maioría deses remanentes, case 17,7 millóns, serán para investimentos. Outros 2,7 millóns serán para gastos correntes e 1,3 millóns serán para investimentos.

A liquidación do orzamento de 2023 presenta datos "moi similares" aos do ano pasado, subliñou o edil nacionalista, a pesar de que se partía dunhas contas prorrogadas.

Así, o superávit alcanzou os 11.497.000 euros, despois de que a diferenza entre ingresos e gastos fora de 10.734.000 euros, "nun contexto de conxelación de taxas e impostos por décimo ano consecutivo", lembrou Raimundo González.

O Concello non sabe aínda que poderá facer con ese superávit porque, ao non haber orzamentos xerais do Estado, neste momento está en vigor a coñecida como Lei Montoro, que obriga a destinar o diñeiro para amortizar débeda. González confía en que o Goberno cambie esta situación.

A este respecto, o responsable das contas municipais destacou que a débeda de Pontevedra está en "mínimos históricos", ao situarse nos 7 millóns de euros, é dicir, apenas o 8,33 dos ingresos anuais do Concello.

O concelleiro do BNG desvelou ademais que o nivel de execución do orzamento de 2023 situouse no 64,52%, mentres que o do capítulo de investimentos no 29,91% e que o Concello cumpre todas as regras fiscais impostas pola lexislación.

A "boa saúde" financeira da administración municipal demóstrase ademais, segundo Raimundo González, en que o Concello conta con case 22 millóns de euros "para poder gastar", diñeiro que se podería empregar en sucesivas modificacións de crédito.