Pontevedra e Ponte Caldelas, en alerta ante a posibilidade de desbordamentos nos ríos Lérez e Verdugo

Pontevedra
02 de febreiro 2021

Segundo informou o 112 Galicia, os caudais de ambos os dous ríos superaron os limiares establecidos debido ás intensas choivas presentando niveis altos de caudal, o que fai aumentar as posibilidades de que se produzan avenidas

Río Verdugo ao seu paso por Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

As intensas choivas caídas nas últimas xornadas elevaron sensiblemente o caudal dos ríos, tanto que as autoridades e os servizos de emerxencia puxéronse en alerta en municipios como Pontevedra e Ponte Caldelas.

Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia citando datos proporcionados por Augas de Galicia, este martes superáronse os limiares establecidos nos ríos Verdugo e Lérez, o que pode provocar desbordamentos nalgúns puntos sensibles.

O curso de ambos os dous ríos está a presentar niveis altos de caudal, e isto fai aumentar as posibilidades de que se produzan avenidas, explica o 112.

Con este motivo, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial para o Risco de Inundacións (INUNGAL) para informar sobre o estado e evolución dos ríos ante a actual situación meteorolóxica adversa. 

O servizo de emerxencia recoñeceu ademais recibir nas últimas horas chamadas de alerta relacionadas con desbordamentos doutros cursos fluviais, entre eles o río da Gándara, en Pontevedra.