Tras anos de desencontros máis ou menos públicos, o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Costas fan "borrón e tempo novo". Ambas as dúas administracións mostraron o seu compromiso de "partir de cero" e colaborar na recuperación ambiental do municipio.
Así o expresou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que este xoves ofreceu máis detalles sobre o encontro que mantivo onte coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a directora xeral de Costas, Ana Oroño.
Esta reunión bilateral, que Fernández Lores volveu a cualificar como "moi positiva", serviu para "deixar atrás" as discrepancias entre ambas as partes "e abrir un tempo novo", resolvendo "o antes posible e de maneira razoable" todos os temas pendentes.
"Estou realmente contento porque sentamos a falar cunha actitude totalmente diferente, construtiva e operativa", apuntou o alcalde, que sostivo que a súa idea é a de conseguir para a cidade de Pontevedra "todo ou que sexa posible".
Pontevedra espera manter con Costas a partir de agora unha relación "fluída" e abordar actuacións "viables, factibles e razoables" para as que o ministerio, segundo o alcalde, "pode utilizar fondos de todo tipo".
Dentro das prioridades municipais, o rexedor pontevedrés citou a rexeneración da Xunqueira da Gándara e da enseada do Ulló, a recuperación da fachada marítima de Ponte Sampaio, a continuación do paseo a Marín ou as melloras nas ribeiras do Lérez.
Entre os asuntos que quedaron resoltos nesta reunión, ademais do futuro da gasolineira do Burgo, atópase o futuro viario de Mollavao. Costas autoriza esta intervención e a cesión dos terreos ao Concello será "inminente", segundo o alcalde.
Isto permitirá desbloquear a reforma urbana prevista en todo este ámbito, coa construción dun vial de apenas 97 metros que unirá a Avenida de Marín con Rosalía de Castro, e posteriormente a rehabilitación integral desta rúa.
Ademais, Costas afirma que o antigo edificio de maxisterio, o colexio Manuel Vidal Portela ou o pavillón universitario "xa están desafectados" do terreo marítimo terrestre, a expensas de ver que administración se fai cargo da titularidade de todo este espazo.
Todos os demais temas que o Concello incluíra no dossier remitido a Costas, incluídas as propostas de novas actuacións, serán analizados na visita que Ana Oroño virará a Pontevedra para ver sobre o terreo as súas posibilidades de recuperación ambiental.
DO PONTEVEDRA FLÚE "NON HAI NADA"
Con respecto aos proxectos deseñados polo PSdeG-PSOE no pasado mandato, incluídos na coñecida como estratexia Pontevedra Flúe, Fernández Lores asegura que desde o ministerio afirman que "non hai nada diso e moito menos por escrito".
Ademais, o alcalde afirmou que, a pesar de preguntarlle expresamente á ministra Teresa Ribera, esta "non mencionou nada" dos 25 millóns de euros que, segundo os socialistas, estarían reservados para proxectos de recuperación ambiental en Pontevedra.
En todo caso, Lores reiterou que o goberno municipal está "aberto" a todos os proxectos que supoñan a recuperación do espazo marítimo-terrestre de Pontevedra, deixando claro iso si que os "interlocutores válidos" para este asunto son o Concello e Costas.