Segundo os datos do paro rexistrado, Pontevedra é a terceira cidade de Galicia con menor taxa de paro. Concretamente a Boa Vila presenta un 14,66% de taxa de paro, é dicir, a porcentaxe de desempregados sobre a poboación activa.
O paro rexistrado é un censo administrativo que elabora o Servizo Público de Emprego Estatal con base nas persoas inscritas das Oficinas Públicas de Emprego en relación coas persoas maiores de 16 e menores de 65 que están a traballar ou en procura activa de emprego.
Segundo a cifras reunidas por Datos Macro, da publicación especializada en economía Expansión, as outras dúas grandes urbes de máis de 40.000 habitantes que teñen menor taxa de paro son Lugo (13,14%) e Santiago de Compostela (11,67%).
Pola contra, a cidade galega con maior taxa de paro é Ferrol cun 16,72%, seguida de Ourense (16,47%), Vigo (16,37%) e A Coruña (14,88%).
Economistas consultados por PontevedraViva destacan a fiabilidade destes datos fronte á Enquisa de Poboación Activa (EPA), que é, en realidade, unha enquisa e non datos reais. Se a extrapolamos a Pontevedra, supón entrevistar a, máis ou menos, 120 familias, 360 persoas, cada trimestre. Isto réstalle fiabilidade, pois, canta máis desgregación, menos fiables son as enquisas. A EPA sirve para buscar tendencias macro, pero non como datos miniaturizados.
Estes expertos tamén advirten que ningún economista utiliza a EPA por municipios como un referente, senón só para marcar tendencias. Por todo isto, o paro rexistrado é máis fiable que a EPA.