Pontevedra duplicará o custo do SAF para incrementar en 40.000 as horas de atención a dependentes

Pontevedra
19 de febreiro 2023

Este novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ofrecerá unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra, o que supón un incremento de 40.000 horas. Contará cun orzamento global de 12,2 millóns, máis do dobre que o actual

Servizo de axuda no fogar, en Pontevedra PontevedraViva

Pontevedra aprobará este luns a licitación do novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co que se ofrecerá unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra. Supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual.

Este contrato contará cun orzamento global de 12.270.045,80 euros (máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns ao ano (fronte aos 1,4 millóns do actual). Terá unha vixencia de 4 anos e suporá "unha substancial mellora na prestación dun servizo social que consideramos fundamental", segundo o edil de Benestar Social, Marcos Rey.

Este incremento do orzamento e das horas, segundo Rey, "pon de manifesto o compromiso e a implicación" do Goberno de Pedro Sánchez e do propio Concello co funcionamento do SAF, se ben critica a actitude da Xunta de "reducir a cifra global para investir neste servizo".

Segundo os datos ofrecidos polo goberno local, o número de usuarios que se benefician do SAF ronda nestes momentos as 200 persoas, "a meirande parte delas maiores dependentes"

O SAF, que na actualidade xestiona a empresa pontevedresa Idades, atende a persoas con dificultades física, psíquica ou sensorial, que vivan soas, non poidan ser atendidas polas súas familias ou mesmo a familias con dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. 

Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal sobrevidas, como por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.

A Xunta de Goberno deste luns, en concreto, aprobará o expediente de contratación así como os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares que rexerán o procedemento aberto de adxudicación.