Andrea Campos, filla dunha vítima da violencia machista, foi a primeira voz que se escoitou este luns no pleno da corporación. Foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional polo 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Nun ano no que Pontevedra dedica esta xornada reivindicativa a denunciar a violencia vicaria, aquela que se exerce sobre as mulleres causándolle dano a través de terceiras persoas, fundamentalmente os seus fillos, Campos reiterou que un maltratador "non é un bo pai".
"Todos os días vemos como maltratadores que non se preocupaban polos seus fillos, no momento do divorcio solicitan a custodia compartida, un amplo réxime de visitas ou mesmo a custodia total, só por continuar en contacto coa muller e continuar os malos tratos", apuntou.
Tras reiterar que o interese dos menores "é estar afastados dos maltratadores", a moza lembrou que en Pontevedra hai 484 vítimas de violencia machista con menores ao seu cargo, algo que "só e punta do iceberg" porque o 80% dos casos non se denuncian e só se conceden o 43% das ordes de protección que se solicitan.
"A cantidade de mulleres e crianzas que padecen violencia e permanecen invisibles nas estatísticas é insoportable", engadiu Andrea Campos, que denunciou as agresións que sofren estes menores, desde violencia sexual ou desatención ata abuso emocional e físico.
Pero neste 25N, Pontevedra tampouco quixo esquecer o resto de violencias que sofren as mulleres, entre elas a institucional, que padecen cando os responsables de protexelas "non teñen en conta a súa palabra e as deixamos desprotexidas ante os seus maltratadores".
Ademais, o manifesto cita a violencia sexual, que creceu un 32% no último ano; ou a mercantilización do corpo das mulleres, ante a que Pontevedra reivindica unha lexislación que condene a súa consideración como "corpos de acceso libre para o pracer sexual e a reprodución".
Por cada paso adiante contra as violencias machistas, denunciou a lectora do manifesto, o sistema patriarcal "contraataca" con discursos "que estaban superados" e lexitimando argumentos "negacionistas" que fan que as vítimas sexan máis vulnerables e cuestionadas.
A declaración institucional de Pontevedra polo 25N terminou cunha homenaxe ás mulleres que, a pesar desta realidade "ateigada de violencias", foron capaces de "facerlle fronte, seguir adiante e loitar por unha vida libre de violencia".