Pontevedra dá a benvida á primeira residencia local para persoas con discapacidade

Pontevedra
19 de decembro 2024

​​​​​​​Alfonso Rueda anuncia durante a inauguración que, tras concertar o 100% das prazas da residencia da asociación Xoán XXIII, a Xunta asumirá outras seis do centro de día ao longo de 2025

Inauguración da residencia da asociación Xoán XXIII Xunta de Galicia

Pontevedra xa conta oficialmente coa primeira residencia local para persoas con discapacidade. Está xestionada pola asociación Xoán XXIII e inaugurouse de forma oficial este mércores

As novas instalacións contan con 24 prazas residenciais e 11 prazas de centro de día e foron posibles grazas á colaboración entre a asociación Xoán XXIII, a Xunta, o Concello de Pontevedra, a compañía ENCE e a Fundación ONCE.

Na inauguración houbo unha ampla representación de todas as institucións e tamén de todos os partidos políticos, encabezada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Anabel Gulías.

O presidente da Xunta aproveitou o acto para facer un anuncio. Tras concertar o 100% das prazas da residencia, a Xunta "vai asumir o concerto doutras seis prazas do centro de día durante 2025".

Esta nova residencia e centro de día da rúa Fotógrafo Zagala ofrece unha atención especializada a persoas maiores de 18 anos con discapacidade intelectual e dá resposta a unha necesidade para moitas familias que teñen idade avanzada e non poden coidar do seu familiar con discapacidade.

Inauguración da residencia da asociación Xoán XXIIIXunta de Galicia

Ademais, atenden a persoas con discapacidade intelectual con deterioro cognitivo causados pola idade e que necesitan de atención e apoios específicos.

Todas as persoas que usen esta residencia terán un programa específico de actividades para manter e desenvolver as súas capacidades físicas e cognitivas, todo con atención individualizada ás necesidades específicas das persoas en diferentes áreas como saúde, rehabilitación, apoio psicosocial, coidado persoal, talleres terapéuticos e lecer e tempo libre.

A Xunta achegou 339.000 euros para a construción e equipamento da residencia e contribuirá ao seu funcionamento cun investimento anual de 750.000 euros para o mantemento de prazas públicas.

Rueda salientou a importancia deste proxecto para atender unha necesidade crecente en Galicia como é a o aumento da demanda de servizos sociais especializados, especialmente nun contexto de envellecemento da poboación.

Para o presidente, centros e asociacións coma Xoán XXIII son "imprescindibles" para ofrecer a axuda necesaria as persoas con discapacidade e as súas familias, para que reciban "a atención que merecen".