Pontevedra creará unha marca cultural para "sortear" a lei de espectáculos públicos

Pontevedra
18 de xuño 2018

Programar eventos culturais converterase nunha misión (case) imposible coa nova lei galega de espectáculos públicos, que entrará en vigor o próximo mes de xullo. Así o entende, polo menos, o Concello de Pontevedra que, de acordo co sector cultural, buscará fórmulas para "sortear" os aspectos máis restritivos desta normativa

Concerto de Iván Ferreiro na Sala Karma Mónica Patxot

Programar eventos culturais converterase nunha misión (case) imposible coa nova lei galega de espectáculos públicos, que entrará en vigor o próximo mes de xullo. Así o entende, polo menos, o Concello de Pontevedra que, de acordo co sector cultural, buscará fórmulas para "sortear" os aspectos máis restritivos desta normativa.

Pontevedra leva tempo "dando voltas", segundo a responsable de Promoción da cidade, Anabel Gulías, á maneira de poder facer fronte aos "problemas" que a nova lei xera nas diferentes programacións musicais e culturais da cidade e que supoñen, engadiu, un sinal de identidade do seu modelo urbano. 

A lei de espectáculos públicos de Galicia impón maiores esixencias para que entidades de pequeno tamaño poidan organizar eventos culturais públicos, requisitos que na maioría dos casos son "imposibles" de cumprir para eles, segundo a edil do BNG, especialmente para os locais que non teñan licenza de sala de concertos.

Así, entre outras cuestións, Gulías apuntou que terían que contar con estudos de impacto ambiental, un plan de evacuación, un plan de seguridade que inclúa a contratación de vixiantes privados ou o pago dun seguro con contías "inasumibles".

Esta normativa aprobouse, lamentan desde o Concello, "de costas" ao sector ao que vai dirixida e sen atender á realidade da cultura galega porque " non é o mesmo un concerto, un recital poético ou unha exposición e polo tanto non poden ter un trato igual".

Deixa, iso si, en mans dos concellos a procura de solucións mediante a forma de convenios ou programas marco. E neste escenario é onde Pontevedra pretende avanzar para evitar que a programación cultural de Pontevedra "non teña ningunha merma", explicou a responsable de Promoción da cidade.

Así, o Concello abrirá "de inmediato" unha rolda de contactos cos afectados pola nova lei para tratar con eles a preocupación existente, estudar experiencias similares noutros municipios e traballar de forma conxunta na organización de todo tipo de eventos culturais.

A este respecto, Anabel Gulías avanzou que o goberno municipal propoñerá crea unha "marca propia" que permita que a actividade cultural privada se siga celebrando "baixo o paraugas" do Concello. É dicir, a administración converterase en "coorganizador" de toda esta programación para salvar as trabas que crea a lei de espectáculos públicos.

Nesta liña, o Concello traballa xa, cos técnicos da asesoría xurídica, no deseño de programa piloto que garanta a participación de todos os afectados e o respecto aos requisitos legais que impón a normativa aprobada recentemente pola Xunta.

En todo caso, Gulías asegura que a programación das Festas de Verán non se ven afectadas, xa que a lei inclúe excepcións para as festas que organicen os municipios, nin tampouco o son actividades que, xa actualmente, se organizan en espazos públicos ao aire libre e que contan coa colaboración do Concello.