Pontevedra converteu 323 toneladas de biorresiduos en 50 de compost

Pontevedra
16 de novembro 2018

Os centros comunitarios de compostaxe instalados en Pontevedra trataron, desde a súa posta en marcha, un total de 323 toneladas de biorresiduos. Tras o seu tratamento, convertéronse en 50 toneladas de compost, que se repartiron entre os veciños e os xardíns municipais

Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza Mónica Patxot

Os centros comunitarios de compostaxe instalados en Pontevedra trataron, desde a súa posta en marcha, un total de 323 toneladas de biorresiduos. Tras o seu tratamento, convertéronse en 50 toneladas de compost, que se repartiron entre os veciños e os xardíns municipais.

É o balance que fixo a concelleira responsable do sistema de compostaxe, Carme da Silva, tras a toma de posesión dos catro traballadores especializados que, contratados polo propio Concello, encargaranse a partir de agora de supervisar todos estes traballos.

"Hoxe é un día moi bo para o Concello, porque despois dun proceso moi longo, as novas incorporacións permitirán incrementar o ritmo de traballo da compostaxe tanto comunitaria como individual", explicou Da Silva,

A edil do BNG reiterou que o Concello ten "moita demanda" para instalar nos barrios máis composteiros. De feito, o seguinte paso será a instalación de novos centros no barrio da Parda, e ampliar os que están en Ponte Boleira e Camiño do Ferro.

Pola súa banda, a técnica de residuos, Marina Lobelle, que dixo falar en nome de todo o equipo que se incorporou este venres, indicou que se enfrontan a un reto "precioso" e celebrou a "valentía ambiental" do Concello de Pontevedra á hora de poñer en marcha este sistema.

A vindeira semana, o Concello celebrará a semana europea de prevención de residuos, na que se fará unha actividade dirixida aos nenos e ás nenas sobre a importancia da prevención de residuos e o tratamento de biorresiduos por compostaxe.