Pontevedra contribúe con 6.000 euros na axuda alimentaria para os campos de refuxiados de Tindouf

Pontevedra
20 de xuño 2020

o Concello
mantén a contribución de 6.000 euros atendendo ao
chamamento das ONGs internacionais que advirten dun serio
deterioro da situación humanitaria na zona.  Aínda que a pandemia da Covid-19 impide o traslado de
cativos e cativas para pasar o verán en Galiza

Este 2020 non se desenvolve o programa 'Vacacións en Paz' debido á Covid-19 Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

A Alcaldía do Concello de Pontevedra renovou a colaboración que anualmente destina á organización non gobernamental Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que durante os últimos veráns trasladaba a menores saharauís para que pasasen o verán con familias de acollida de Pontevedra.

Este verán suspendeuse o programa de Vacacións en Paz con motivo da emerxencia sanitaria causada pola presenza da  Covid-19. En todo caso, o Concello destina 6.000 euros ao  programa de urxencia alimentaria nos campos de refuxiados saharauís en Tindouf

Con esta cantidade colabórase cubrindo o déficit que sofren nos campamentos en canto a alimentación básica como legumes, arroz, aceite ou azucre, ademais de proporcionar almorzos nas escolas dos campamentos.

Solidariedade Galega do Pobo Saharauí alertaba xa o 19 de abril de que as organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauís, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONGs internacionais como Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA, reclaman axudas urxentes e doazóns para evitar unha maior deterioración da situación humanitaria. 

Indican que aumentou a taxa de anemia superou o 73% entre mulleres, embarazadas e nais lactantes. E a  malnutrición entre menores de cinco anos achégase ao 25%. A estas cifras hai que sumar a alta porcentaxe de persoas que sofren diabetes e problemas de presión arterial.

As necesidades urxentes de elementos básicos como auga para hixiene, saúde, nutrición, educación e protección para os refuxiados saharauís en Alxeria alcanzarían unha cifra de 14 millóns de euros.

Tamén para frear os efectos negativos da  Covid-19, a Media Lúa Vermella Saharauí (MLRS) pide aos países doantes que aceleren a provisión de contribucións urxentes aos refuxiados saharauís e apoien aos sectores que salvan vidas, especialmente ao sector de seguridade alimentaria.

Sinalan que o impacto da  Covid-19 é visible entre os 60.000 residentes dos Territorios Liberados da República Saharauí. Esta poboación, ademais, sofre a seca dos dous últimos anos e a súa economía depende fundamentalmente dos intercambios comerciais con zonas fronteirizas que agora se atopan pechados para evitar a transmisión da epidemia. Para cubrir as necesidades fundamentais desta poboación, as ONGs estiman que son necesarios cinco millóns de euros.