Pontevedra, contra o reloxo para impulsar o plan de sustentabilidade turística en destino

Pontevedra
14 de xullo 2023

Antes de que remate o ano 2024, Pontevedra ten que ter rematados, pagados e xustificados os proxectos que se incluíron no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, unha iniciativa que recibiu dous millóns de euros con cargo aos fondos europeos Next Generation

Parexa facendo sendeirismo co seu can Mónica Patxot

Antes de que remate o ano 2024, Pontevedra ten que ter rematados, pagados e xustificados os proxectos que se incluíron no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, unha iniciativa que recibiu dous millóns de euros con cargo aos fondos europeos Next Generation.

O goberno municipal proporá á Xunta de Galicia, que coordina estas actuacións, reprogramar os proxectos, segundo avanzou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, porque "estamos cos prazos moi axustados".

Non existen proxectos redactados "agás algunhas memorias valoradas", subliñou Fernández Lores, que avanzou que será necesario "facer proxectos executables".

Un dos proxectos que se reprogramarán será a continuación da vía verde do Salnés coa unión da senda Vilagarcía-Portas coa futura vía verde entre Pontevedra, Ponte Sampaio e Arcade a través da antiga ponte ferroviaria sobre o Lérez.

Estes cambios tamén afectarán á conexión da cidade cos parques forestais da contorna ou a unha actuación para impulsar a Iluminación eficiente de espazos naturais.

Ao respecto dos proxectos de dinamización turística, o observatorio de turismo e as actividades relacionadas coa gastronomía, a decisión tomada é impulsalos e licitalos cara a final de ano.

REVISIÓN DE CONTRATOS

O goberno municipal, por outra banda, tamén deu orde a todos os servizos municipais para que se inicien os trámites pertinentes ao respecto dos contratos públicos, cun mínimo de seis meses antes do seu vencemento, tanto para prorrogalos, denuncialos ou rescindilos.

"Hai certos problemas cos contratos que temos detectado porque sempre se soen facer os trámites a última hora", explicou o alcalde.

Para evitar esta situación elaborarase unha listaxe, nun prazo máximo de tres meses, para coñecer todos os contratos públicos en vigor e ver as súas características.