Pontevedra consolida o seu descenso en casos activos e xa ten unha incidencia por baixo de 250

Pontevedra
21 de febreiro 2021

Segundo os datos facilitados pola Xerencia da área sanitaria na capital o número de casos activos no municipio este domingo é de 229, un recorte de 14 casos con respecto á cifra oficial de onte sábado

Xente paseando con máscaras en Pontevedra Cristina Saiz

Pontevedra consolida o seu descenso en casos activos e xa ten unha incidencia por baixo de 250. Segundo os datos facilitados pola Xerencia da área sanitaria no Concello de Pontevedra o número de casos activos no municipio este domingo é de 229, un recorte de 14 casos con respecto á cifra oficial de onte sábado.

Este luns reunirase o comité clínico do que a Xunta espera que salga a decisión de flexibilizar as restricións actualmente en vigor. En todo caso o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda afirmou este domingo en declaracións a Radio Galega que esta desescalada deberá realizarse "con cautela" para "non estragar a boa tendencia" das cifras da pandemia alcanzada nos últimos días. 

"Igual que estabamos moi preocupados pola alza, agora temos que ser optimistas", manifestou Rueda que cualificou como "boa" a evolución da pandemia en termos xerais "pero non é igual en todas as zonas", o que lle levou a deslizar que a flexibilización de restricións podería adoptarse en función da situación de cada área.

Con todo a presión sobre os hospitais da área sanitaria segue reflectindo máis ocupación que na segunda onda, aínda que é evidente o descenso dos casos e da incidencia acumulada.

O descenso máis acusado é o do concello de Poio, que xa está en 69 casos activos, quince menos na última xornada.

Tamén descenden os casos en Sanxenxo con 63 casos activos (son 5 menos que o sábado), Marín que conta con 120 casos activos (4 menos que onte), Ponte Caldelas con 29 casos (-4), Meaño con 24 (-4), A Illa de Arousa con 13 casos (-3), Vilagarcía con 102 coas (-3) e Portas con 3 casos (-2).

Mantéñense invariables os casos na Lama con 9 e Cambados con 52. Estes municipios non modificaron o número de casos activos respecto ao sábado.

Pola contra, soben os casos activos de contagios de covid-19 en Barro que xa ten 16 casos (+1), Campo Lameiro con 4 casos (-1), Cerdedo-Cotobade con 29 (+1), Cuntis con 22 (+1), Ribadumia con 11 (+1).

Alfonso Rueda emprazou á cidadanía para actuar con "moita prudencia" e a confiar no traballo do comité clínico, que "sempre actuou" baixo criterios "obxectivos", polo que cre que se "as cifras empezan a mellorar", as decisións do órgano asesor da Xunta serán "en consecuencia" a esta tendencia.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.