Pontevedra considera "inadmisible" o colapso sanitario "crónico" da área sanitaria

Pontevedra
09 de xaneiro 2023

"Temos claro que estamos a asistir a un desmantelamento da sanidade pública na nosa área sanitaria", asegurou a portavoz do executivo local, Anabel Gulías, que esixiu que se adopten medidas para reverter esta situación porque "coa saúde non se xoga"

Concentración de Marea Branca en defensa da sanidade pública Cristina Saiz

A situación da área sanitaria de Pontevedra é a dun "colapso crónico". Así o denuncia o goberno municipal, que considera "inadmisible" que desde Sanidade "non poñan solucións sobre a mesa" para resolver uns problemas que son "francamente graves".

"Temos claro que estamos a asistir a un desmantelamento da sanidade pública na nosa área sanitaria", asegurou a portavoz do executivo local, Anabel Gulías, que esixiu que se adopten medidas para reverter esta situación porque "coa saúde non se xoga".

O Concello censura que sexa "frecuente" que non haxa médicos no PAC da Parda, as colas "eternas" de pacientes que esperan a ser atendidos en urxencias ou as listas de espera para calquera dos servizos sanitarios dependentes de Atención Primaria.

Ante esta situación de falta de medios, que Gulías, cualificou como unha "vergoña", o goberno pontevedrés lamenta que desde a Xunta de Galicia actúe de maneira "surrealista" ao centrarse en "lanzar balóns fóra ou cambiar xerentes nunha operación cosmética".

A estas críticas, o Concello suma a "ocorrencia" de pedirlle ao persoal de enfermería "que fagan de médicos" ou que os dirixentes do PP acudan ao centro de saúde Virxe Peregrina "a facerse fotos dicindo que a situación chegaba ao punto e final".

Ante esta situación, a portavoz do goberno municipal chama a ofrecer unha resposta social "contundente", loitar porque a cidadanía teña uns servizos sanitarios "dignos" e apoiar aos traballadores e traballadoras da sanidade galega nas súas reivindicacións.

CRÍTICAS DESDE EL PSDEG-PSOE

A este respecto, o portavoz do grupo socialista no Parlamento galego, Luis Álvarez, asegurou que diante da xestión "absolutamente desastrosa" do Sergas debe ser o propio Alfonso Rueda quen asuma "en primeira persoa, de forma directa e sen ningún tipo de reticencias" as negociacións co colectivo de persoal sanitario para reverter o colapso sanitario.

Álvarez denunciou a "demostrada incapacidade" amosada polos responsables de Sanidade, que teñen levado ao sistema ao límite e abocan ao persoal a unha escalada de mobilizacións. 

Lamenta que a única resposta do conselleiro de Sanidade sexa "lugares comúns e falsidades" sinalando ao goberno do Estado, polo que concluíu que "se o conselleiro non é quen de resolver os problemas da sanidade, deberá ser o presidente da Xunta quen o faga".