O pleno municipal, ademais de abordar asuntos de interese local, dedicou gran parte do seu tempo en debater cuestións de ámbito autonómico, nacional e mesmo internacional, como a guerra declarada por Israel contra Palestina tras os ataques terroristas de Hamás.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu paso a este tramo do pleno ironizando con que os concelleiros ían exercer como deputados e senadores, o que denota, segundo dixo, unha "falta de confianza" neles, ao debater nestes pleno "asuntos que son doutras instancias".
A situación en Oriente Medio, entre Israel e Palestina, foi o tema máis delicado e complexo dos tratados no pleno. Fíxoo a instancias do PP, que pediu que a corporación condene os atentados "incalificables y con una violencia extrema" de Hamás contra Israel.
"Pontevedra no puede ser inmune a este atentado", sinalou Rafa Domínguez, que lembrou que Hamás utilizou unha "crueldad inusitada" contra Israel. A pesar diso, aceptou as emendas presentadas polo BNG e polo PSOE para "no generar polémica".
Así, os socialistas reclamaron que se debe condenar "do mesmo xeito", segundo Iván Puentes, os "asasinatos e actos de terror" que Israel está a exercer contra a poboación civil de Palestina, que "non fan máis que enquistar este conflito e dificultar unha saída pacífica".
Puentes, que condenou "rotundamente" os actos de Hamás, defendeu as "lexítimas aspiracións" do pobo palestino, amparadas pola ONU e pola legalidade internacional, para ter dereito á súa autodeterminación e poder "vivir libres" no seu país.
Desde o BNG, pola súa banda, presentouse unha emenda centrada na necesidade de reclamar a Israel que "pare xa" de bombardear a Palestina e permita a apertura de corredores humanitarios "ininterrompidos" para asistir á poboación civil porque "é urxente que non morra máis xente".
"É un clamor no mundo que Israel ten que parar", sostivo Carme da Silva. Para ela, os atentados de Hamás son "imperdoables", pero engadiu que a resposta de Israel "non é xustiza senón que é un xenocidio" porque a poboación palestina "está sendo arrasada".
Outra cuestión que, neste ámbito de asuntos, abordou o pleno municipal de outubro foi o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno á lei do litoral de Galicia e que para o PP "es un desprecio a Galicia y a los gallegos", segundo Pepa Pardo.
"No se trata de arengarnos de lo que no nos corresponde, sino de que se nos trate con desigualdad", subliñou Pardo, que reclamou ao Goberno que "se siente a negociar" coa Xunta para garantir a seguridade de miles de edificacións e empresas asentadas na costa.
O BNG apoiou esta medida coincidindo que a decisión do Goberno de recorrer ao Constitucional esta lei "é inxustificada", sinalou Carme da Silva, que advertiu que, en todo caso, esta normativa galega ten "moitas carencias".
Os nacionalistas reclamaron "plenas competencias" para Galicia na xestión do litoral, salvamento marítimo, a loita contra a contaminación, inspeccións pesqueiras, titulacións ou seguridade nas embarcacións "para que non decídase a 600 quilómetros de distancia"
Esta proposta non contou co apoio de PSOE, que acusou aos populares de "inventarse un conflito artificial" co executivo central e aprobar unha lei inconstitucional "a todos vos efectos", segundo sinalou Iván Puentes, no canto de solicitar as competencias.
Ao PP a inseguridade xurídica na costa galega, sostivo Puentes, "impórtalles un pepino" con tal de "seguir alimentando o discurso do malvado Pedro Sánchez que está en contra de Galicia", desafiando as competencias estatais e o propio estatuto de autonomía.
Por último, os socialistas presentaron unha moción para reclamar á Administración do Estado que garanta o dereito de avogados e procuradores mutualistas a unha xubilación digna, mediante unha "vía ou pasarela" que permita que poidan elixir o seu sistema de cobertura, equiparando a nivel fiscal as cotizacións realizadas en mutuas coas da Seguridade Social.
Esta proposta contou co apoio unánime de toda a corporación, xa que tanto BNG como PSOE aseguraron "compartir o fondo", aínda que suxeriron que "sería mellor" que se trouxo o texto aprobado no Parlamento galego, acordado co sector.