Pontevedra, con moita memoria outro 12 de novembro: "Non daremos un paso atrás"

Pontevedra
12 de novembro 2023

Un ano máis, Pontevedra non se esquece dos veciños fusilados polo franquismo o 12 de novembro de 1936, "unha data funesta, unha xornada marcada no calendario como o día no que dez homes bos e xenerosos foron asasinados polo fascismo cunhas balas cargadas de odio e sen razón"  

Homenaxe aos fusilados do 12 de novembro en 2023 Concello de Pontevedra

Un ano máis, Pontevedra non se esquece dos veciños fusilados polo franquismo o 12 de novembro de 1936, "unha data funesta, unha xornada marcada no calendario como o día no que dez homes bos e xenerosos foron asasinados polo fascismo cunhas balas cargadas de odio e sen razón".

Por iso este domingo, como cada 12 de novembro, a Boa Vila quixo facer memoria para lembrar e homenaxear os ideais e dos homes que perderon a vida ese fatídico día.

"Non os esquecemos. Pontevedra é unha cidade con memoria. Xa hai máis de dúas décadas que traballamos nesa idea, na idea de coidar o legado daqueles que non están. É un deber ético e político que non pode ser ocultado nin minimizado", declarou no acto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

"Non daremos un paso atrás. Os dez homes asasinados aquel 12 de novembro perderon a posibilidade de seguir loitando, pero nunca lles chegou a derrota pois aquí estamos hoxe nós, aquí están as súas familias, aquí está o seu legado e a súa herdanza. Ninguén lembra o nome dos que dispararon, mais si sabemos os nomes que intentaron soterrar aquel día para, simplemente, soterrar unha semente que xerminou, semente de vencer", defendeu.

"Hoxe lembramos os nomes dos médicos Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño e Luis Poza; os mestres Paulo Novás, Benigno Rey e Germán Adrio; o editor Ramiro Paz; o avogado José Adrio; o xornalista Víctor Casas e o capitán Juan Rico", aos que ou fascismo asasinou mais "non puido acabar coa súa obra".