Pontevedra comeza a engalanarse para iluminar o seu Nadal

Pontevedra
28 de novembro 2023

Haberá decoración en 83 rúas da cidade e instalaranse arcos e outros motivos de iluminación en gran parte do farois do centro urbano, barrios e parroquias. Serán, en total, máis de 530 elementos luminosos repartidos por todo o municipio. O acendido de toda esta iluminación será o vindeiro martes 5 de decembro

Instalación da iluminación de Nadal en Pontevedra Mónica Patxot

Os operarios da empresa Electromiño xa están instalando toda a iluminación que encherá de luz e cor as principais rúas e prazas de Pontevedra durante as festas de Nadal.

Haberá decoración en 83 rúas da cidade e instalaranse arcos e outros motivos de iluminación en gran parte do farois do centro urbano, barrios e parroquias.

Esta iluminación, que impulsa o Concello de Pontevedra, conta coa colaboración das entidades empresariais Zona Monumental e AEMPE.

Eduardo Pondal, Alameda, Michelena ou a Praza de Ourense son algunhas das rúas que xa teñen colocada a iluminación que terán durante estas festas. 

Ademais dos arcos de luz e dos elementos dos farois, está previsto a colocación de oito paneis de felicitación de festas nas entradas á cidade e a iluminación das camelias da Praza de Ourense. 

Na Praza de España instalarase unha árbore de grandes dimensións, dous mantos de luz estarán nas prazas de Méndez Núñez e da Leña e haberá diferentes bólas e motivos en diversos puntos da cidade.

Serán, en total, máis de 530 elementos luminosos repartidos por todo o municipio.

O acendido de toda esta iluminación será o próximo martes 5 de decembro.