Pontevedra, centro de atención no congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras

Pontevedra
01 de febreiro 2018

Para Joan Clos, quen fora alcalde de Barcelona entre os anos 1997 e 2006, Pontevedra é un "claro exemplo" de éxito na xestión urbana. Así o asegurou na súa intervención na sesión inaugural do congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras, que se celebra en Lleida

Carmen Fouces con Joan Clos, ex alcalde de Barcelona Concello de Pontevedra

Para Joan Clos, quen fora alcalde de Barcelona entre os anos 1997 e 2006, Pontevedra é un "claro exemplo" de éxito na xestión urbana. Así o asegurou na súa intervención na sesión inaugural do congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras, que se celebra en Lleida. Alí, apelou á "valentía" dos gobernantes para emprender transformacións coma a da Boa Vila.

No congreso participou a concelleira de Educación, Carmen Fouces, que tomou a palabra para animar ás cidades presentes a actuar de cara a recuperación do espazo público para as persoas, "base principal para unha auténtica cidade educadora".

A intervención de Fouces baseouse en que o cambio real das cidades debe partir da propia "columna vertebral" da política municipal, conectando esa filosofía de cambio de xeito horizontal con todos os departamentos e servizos.

Ao respecto, Joan Clos manifestou que "sabendo xestionar os cambios", os procesos de mellora das cidades poden ser un éxito.

Así, puxo o exemplo de Pontevedra ou da mesma Barcelona que, con el na Alcaldía, decidiu peonalizar a rúa Condal. "Os comerciantes e algúns veciños víñanse a nós de xeito moi ruidoso e incluso violento, pero poucos anos despois esas mesmas persoas presumían fachendosas da nova imaxe do barrio sen coches", explicou.

Carmen Fouces entregou a Joan Clos un exemplar da publicación pontevedresa "Menos coches, máis cidade", na que se recollen datos da experiencia de cambio da cidade.

Agradeceulle ademais a participación neste foro para axudar a aumentar a calidade urbana e a converter rúas e prazas en espazos de convivencia tal como recolle a Carta das Cidades Educadoras que preside a filosofía urbana desta entidade.