O descenso dos casos activos por covid-19 acelérase na práctica totalidade dos municipios da área sanitaria. Un dos exemplos máis claros é a cidade de Pontevedra que, por primeira vez desde o pasado 22 de xaneiro, ten menos de 300 contaxiados.
En concreto, Pontevedra rexistra este venres 273 casos activos. Son 37 menos que onte, segundo informa o goberno municipal. A incidencia acumulada a 14 días tamén descende, neste caso ata os 275 casos por cada 100.000 habitantes.
A maior parte da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sitúase nunha pinza de incidencia entre 250 e 500. Só cinco municipios exceden este limiar. Trátase, por esta orde, de Soutomaior, Meis, Ponte Caldelas, Poio e Catoira.
Soutomaior conta con 67 casos activos (cinco menos) e Ponte Caldelas ten 34 (seis menos).
Preocupa, iso si, o aumento da incidencia que se rexistra en Vilanova de Arousa, onde se detectaron cinco positivos máis que onte, ata un total de 47; e na Illa de Arousa, que ten catro casos máis e suma 16 infectados.
Entre o resto, baixan os casos de forma notable en Sanxenxo, que ten 77 contaxiados (trece menos que onte); Meaño, que suma 28 (cinco menos); ou Cambados, que ten 55 (tres menos); e de maneira máis tímida en Cuntis (22 casos, un menos).
Máis relaxada é a situación en Portas, Ribadumia, O Grove e Bueu (29 casos, dous menos), que non superan os 250 de incidencia.
Campo Lameiro, que ten unha incidencia entre 50 e 150 casos por cada 100.000 habitantes, é o que actualmente rexistra unha mellor situación epidemiolóxica.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcinados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.