Como é habitual a tempada de verán anima o mercado laboral e, de novo, o mes de xuño foi positivo para os datos de desemprego. Sobre todo na capital da provincia. En Pontevedra, por primeira vez en moito tempo hai menos de 7.000 parados. En concreto, 457 persoas abandonaron as listas de desemprego en xuño, segundo os datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
En total, 6.726 pontevedreses seguen buscando emprego. É un 6,36% menos que no mes anterior.
O descenso do paro é xeneralizado en todos os municipios da área de influencia de Pontevedra, excepto Campo Lameiro. Iso si, é moito máis acentuado nos concellos máis turísticos como Poio, Sanxenxo, O Grove, Vilagarcía, Caldas de Reis ou Cambados.
Xuño 2016 | Maio 2016 | Variación | |
Pontevedra | 6.726 | 7.183 | -457 |
Barro | 345 | 374 | -29 |
Bueu | 900 | 978 | -78 |
Caldas de Reis | 905 | 1.050 | -145 |
Cambados | 1.205 | 1.420 | -115 |
Campo Lameiro | 174 | 167 | 7 |
Cotobade | 370 | 377 | -7 |
Cuntis | 436 | 452 | -16 |
O Grove | 791 | 1.035 | -244 |
A Illa de Arousa | 398 | 385 | -51 |
A Lama | 205 | 232 | -27 |
Marín | 2.015 | 2.074 | -59 |
Meaño | 400 | 501 | -101 |
Meis | 418 | 463 | -45 |
Moraña | 434 | 474 | -30 |
Poio | 1.235 | 1.371 | -136 |
Ponte Caldelas | 589 | 628 | -39 |
Portas | 262 | 309 | -47 |
Ribadumia | 389 | 436 | -47 |
Sanxenxo | 1.091 | 1.365 | -274 |
Vilaboa | 497 | 511 | -14 |
Vilagarcía de Arousa | 3.850 | 4.122 | -272 |
Vilanova de Arousa | 916 | 1.024 | -108 |
DATOS PROVINCIAIS
Un total de 5.354 persoas abandonaron as listas do paro na provincia de Pontevedra, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Con este notable descenso, son 83.204 os pontevedreses que seguen sen traballo, un 6,11% menos que o mes anterior. Ademais, a redución interanual alcanza un 9,4%, ao estar rexistradas 8.534 persoas menos no servizo público de emprego que en xuño de 2015.
O turismo e a hostalería son os dous sectores que están detrás deste descenso na taxa de desemprego da provincia. 3.526 dos pontevedreses que atoparon traballo en xuño (un 65,85% do total) fixérono no sector servizos.
Pero na industria (723 menos), na construción (579 menos), na agricultura (250 menos) e naqueles que logran o seu primeiro traballo (274 menos) tamén se rexistran descensos no último mes.
Iso si, esta baixada do paro non vén acompañada dunha maior estabilidade laboral. Só 2.043, un 5,3% dos 38.220 contratos que se formalizaron en xuño foron de carácter indefinido.