O contrato de sinalización viaria de Pontevedra incrementarase nun 20% a partir do próximo ano para reforzar o mantemento e a imaxe dos espazos públicos. Así o avanzou este xoves a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
A edil lembrou que unha das liñas de traballo "fundamentais" do goberno neste mandato é o mantemento dos espazos públicos.
Para acadar ese obxectivo, defendeu Gulías, os "pintados" das rúas son básicos tanto para garantir a seguridade viaria como para mellorar a imaxe urbana.
Ata o de agora o contrato de sinalización viaria estaba fixado en 198.000 euros e, tras un aumento dun 20%, chegará ata os 240.000 euros.
A Xunta de Goberno decidiu prorrogar o actual contrato ata decembro deste ano, por 99.000 euros, para que a empresa API Movilidad poida seguir encargándose deste traballo ata a chegada dunha nova compañía adxudicataria.