Pontevedra aproba o seu orzamento municipal para 2020

Pontevedra
07 de febreiro 2020

A corporación aprobou no pleno extraordinario celebrado este venres o orzamento municipal, cos votos a favor do BNG, Partido Socialista e Cidadáns e o rexeitamento do Partido Popular. O debate plenario vivido no Teatro Principal amosou as visións contrapostas do goberno local e do Partido Popular sobre este documento

Pleno do Concello de Pontevedra Cristina Saiz

A corporación local do Concello de Pontevedra aprobou no pleno extraordinario celebrado este venres o orzamento municipal, cos votos a favor do BNG, Partido Socialista e Cidadáns e o rexeitamento do Partido Popular. O debate plenario vivido no Teatro Principal amosou as visións contrapostas do goberno local e do Partido Popular sobre este documento.

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa "satisfacción" polas contas do Concello para o ano 2020, por ser "altamente investidores" e garantir "o máximo equilibrio territorial".

O concelleiro de Facenda e portavoz do BNG, Raimundo González, considera que é "un orzamento de premio" que contempla un "salto adiante" na mellora de servizos e unha aposta social e ambiental así como "o maior investimento na historia deste concello" que situou nos 66 millóns de euros "froito do consenso, do diálogo e a transacción e avalado por tres forzas políticas".

Na mesma liña pronunciouse o tenente de alcalde e portavoz do Partido Socialista, Tino Fernández que resaltou que estes son "os mellores presupostos da historia de Pontevedra" que marcan a folla de roteiro "executable" dun "mandato para as persoas" e que foi elaborado por un "goberno sólido, estable e comprometido con Pontevedra" lamentando a "confrontación estéril" na que, ao seu xuízo, está instalado o PP.

Pola súa banda o concelleiro de Cidadáns, Goyo Revenga, xustificou o seu apoio aos orzamentos tras arrincar o apoio do grupo de Goberno a catro das súas emendas. Así asegurou que el quere "hacer política con la razón y no con las vísceras" e que "estoy aquí para resolver problemas y no para crearlos".

O portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, presentou unha emenda á totalidade argumentado o voto en contra do seu grupo en que o orzamento é "pésimo" ademais de "ineficaz, inconcreto e ilusorio" chegando a dicir que será "un atraco a los pontevedreses a cambio de humo".

Raimundo González reprochou aos populares que debuxen un panorama"apocalíptico" e Tino Fernández dixo que os concelleiros do PP están a facer un "discurso preelectoral, seguindo as instrucións de Rueda, pero sen presentar ningunha proposta".