Pontevedra, ante o "reto de aúpa" de ser "pioneira" na súa ordenanza do lixo

Pontevedra
14 de novembro 2023

O goberno municipal quere impulsar unha nova ordenanza que regule a xestión de residuos. Non será un traballo fácil, recoñece o edil César Mosquera, porque apenas hai concellos que adaptasen a súa normativa ás novas leis que pesan sobre o tratamento do lixo

Servizo de recollida de lixo en Pontevedra Mónica Patxot

O goberno municipal quere impulsar unha nova ordenanza que regule a xestión de residuos. Non será un traballo fácil, recoñece o edil César Mosquera, porque apenas hai concellos que adaptasen a súa normativa ás novas leis que pesan sobre o tratamento do lixo.

"Pontevedra vai camiño de ser pioneira", subliñou Mosquera, que explicou que o reto que a cidade e, sobre todo, os servizos técnicos municipais é "de aúpa" ante a normativa estatal e europea que conforman o marco lexislativo actual.

De feito, os técnicos do Concello elaboraron xa un primeiro borrador desta ordenanza, sobre a que traballarán os integrantes da comisión municipal de servizos ao longo dos próximos meses, de forma que poida aprobarse co consenso de toda a corporación.

A tramitación desta ordenanza irá "en paralelo" á tramitación do novo contrato para a xestión dos residuos municipais e ambos os procesos "acabarán confluíndo", segundo o concelleiro.

En todo caso, César Mosquera sostivo que "non hai présa" para tramitar esta ordenanza, porque aínda que "sería bo" contar cunha normativa adaptada "non sería imprescindible" porque a lei estatal que regula esta cuestión "é suficientemente clara e concreta".

Entre os principais cambios que debe recoller esta ordenanza está, por exemplo, unha maior aposta pola compostaxe ou implantar, en colaboración cos sectores afectados, a recollida de téxtiles (roupa e calzado) ou de aceites usados.