Pontevedra, ante o 25N: 288 mulleres con máis dun agresor e 233 maltratadores con máis dunha vítima

Pontevedra
25 de novembro 2020

Este dato de reincidencia "preocupa moito" na Unidade Contra a Violencia sobre a Muller. Explican que se debe a que as vítimas "psicoloxicamente están tan anuladas polo primeiro agresor que ao final mesmo dá a sensación que están con outras persoas que teñen perfís parecidos, vanse reproducindo os mesmos patróns"

Manifestación en Pontevedra con motivo do 25N de 2019 Cristina Saiz

As vítimas de violencia de xénero, como todas as vítimas, teñen nomes e apelidos e son máis que unha estatística, pero, para comprender a dimensión desta secuela social, moitas veces faise necesario tirar de cifras e facer unha radiografía da problemática. Este 25 de novembro, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, achegámonos a eses datos, moitas veces fríos, relativos á provincia de Pontevedra

Desde que no ano 2003 empezaron a realizarse estatísticas, en España foron asasinadas 1.074 mulleres, 63 delas en Galicia e 26 na provincia de Pontevedra. Nesta provincia, segundo os datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, 6 nenos quedaron orfos en 2015 como vítimas de violencia de xénero, 1 en 2016, 1 un 2017, 1 en 2018 e 2 en 2019, neste último caso tras presenciar o asasinato da súa nai, a súa avoa e a súa tía en Valga. 

As mortes son a cima dunha pirámide en cuxa base hai miles de vítimas que sofren violencia física ou psicolóxica. Delas, a día 23 de novembro, 1.093 recibían protección dentro do sistema de seguimento integral VioGén na provincia, 13 nunha situación de risco alto e 163 de risco medio.

Un dos datos significativos que lanzan as estatísticas é a porcentaxe de reincidencia, pois 288 desas mulleres teñen ou tiveron máis dun agresor, e 233 maltratadores teñen máis dunha vítima, moitas veces coincidentes no tempo. 

Este dato "preocupa moito" a Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que explicou a PontevedraViva que estas vítimas chegan a esta situación porque "emocionalmente, psicoloxicamente están tan anuladas polo primeiro agresor que ao final mesmo dá a sensación que están con outras persoas que teñen perfís parecidos, vanse reproducindo os mesmos patróns". 

Por idades, esta semana, a franxa con máis casos é a que comprende ás mulleres entre 31 e 45 anos, con 486 casos, catro en risco alto. Ademais, preocupa a mocidade das vítimas, pois hai sete menores de 18 no sistema e outras 277 de entre 18 e 30 anos, das cales catro están en risco algo. De 46 a 64 anos hai 286 casos, tamén 4 en risco algo; e hai 40 mulleres maiores de 65, unha de risco algo. 

A Manuela Villaboy preocúpanlle todos porque lle parece "tremendo" que haxa nenas menores de 18 anos que teñen un agresor e porque son vítimas de violencia de xénero, pero tamén pensar nas maiores de 65 anos, pois esas 40 son só unha porcentaxe moi pequena das maltratadas.

"Pola cultura na que vivimos e a educación que recibimos, hai moitas situacións que non se detectan como violencia, algunhas téñeno tan normalizado porque é o que viviron toda a vida e estano sufrindo", valora Vilaboy, que engade que, das 1.093 vítimas con casos activos esta semana, 213 son estranxeiras, tres en risco alto. En canto aos agresores, tan só 184 son estranxeiros, o resto de nacionalidade española

Segundo os datos da Delegación do Goberno, este ano 2020 hai 149 usuarias do Servizo de Atención e Protección ás vítimas (Atenpro), cifra similar ás 156 de 2019, 139 de 2018, 144 de 2017 ou 149 de 2016. 

En canto aos agresores, na última actualización de outubro había 26 con dispositivos activos no sistema de seguimento telemático (cun GPS posto por orde xudicial). A cifra é superior á dos últimos anos pois en 2019 había 17 na provincia, en 2018 eran 21 e en 2017 tan só 18. 

O confinamento e a situación de emerxencia sanitaria pola covid-19 apenas influíu nas estatísticas deste 2020. Si se notou un descenso das denuncias nas primeiras semanas de estado de alarma, pero os niveis de denuncias equiparáronse en cuestión de semanas ás de anos anteriores e "non hai unha diferenza significativa do número de casos" con respecto a 2019

Como exemplos, en Bueu, entre xaneiro e maio creceu un caso activo no sistema VioGén; en Cambados, dous, de 19 a 21; en Marín pasaron de 34 en xaneiro a 36 en maio, 32 en agosto e 31 en outubro 31; en Poio, pasaron de 23 casos en xaneiro, a 22 en maio, a 22 en agosto e 25 en outubro; e en Pontevedra había 87 en xaneiro, 85 en maio, 89 en agosto e en outubro, 80. Si hai lugares con incrementos importantes, pero son case a excepción. Un deles é Vilanova de Arousa, que tiña 11 en xaneiro, subiu a 14 en maio, e en agosto e outubro, 18.

Durante o confinamento, as vítimas si chamaron máis ao número 016 de atención ás vítimas de violencia de xénero, pero no cómputo xeral do ano as cifras equiparáronse ás de anos anteriores, tendo en cuenta que nas estatísticas tan só se contabiliza ata o 2 de outubro. Así, neses nove meses de 2020 recibíronse 792 fronte ás 890 de todo o ano 2019 ou as 1.094 de todo 2018. 

Por meses, chama a atención o incremento de abril, que pasou de 70 chamadas na provincia en 2019 a 128 en 2020, pero tamén os datos de marzo (de 76 a 90), maio (de 60 a 126 nun ano), xuño (de 75 a 104) ou xullo (de 89 a 135)