Centos de pontevedreses mostraron este venres a súa conciencia ambiental e, particularmente, a súa preocupación ante a situación de emerxencia climática que se vive no noso planeta. Fixérono secundando a manifestación que, convocada polo Movemento Galego polo Clima, percorreu as principais rúas de Pontevedra.
Todos eles, na súa maioría mozos e mozas, saíron á rúa para apoiar a causa 'Fridays for Future', que reclama aos líderes mundiais que adopten medidas contundentes para loitar contra o cambio climático e evitar que sexa demasiado tarde para salvar o futuro das próximas xeracións.
"Se non actuamos hoxe non haberá mañá", "Alcemos a voz non o nivel do mar", "O tempo corre e os graos soben" ou "O momento de salvalo é agora" foron algunhas das consignas das pancartas dos participantes nesta marcha, que lembraron que "non temos un planeta B" e que se non o coidamos entre todos "non haberá futuro".
A manifestación, que partiu da Praza da Ferrería pouco despois das oito da tarde e finalizou coa lectura dun manifesto na Praza da Peregrina, contou ademais co apoio de organizacións sociais e ecoloxistas como Greenpeace ou APDR.
O manifesto do Movemento Galego polo Clima apunta que o planeta atravesa unha crise climática é que é "consecuencia directa" dunhas prácticas "depredadoras" dos recursos naturais e que, ao seu xuízo, afectan de maneira máis negativa ás poboacións "máis pobres e vulnerables" buscando manter un modelo produtivo baseado no crecemento continuo.
Esta "insustentable" situación provocou, engade este organismo, unha "extinción masiva" de especies, a contaminación dos océanos e ríos con plásticos, carencia de alimentos, que se arrasaron territorios, que se aumentou a emisión de CO2 ou que se gastaron de maneira "absurda" os recursos enerxéticos do planeta.
Tras décadas nas que se ignoraron os informes e advertencias dos científicos, reclaman un cambio "global" e que a sociedade internacional non permaneza "impasible" ante unha situación que vai camiño de ser "irreversible". Para iso, solicitan que se declare a emerxencia climática e se adopten compromisos "reais e vinculantes" para freala.