Pontevedra alza a voz tras o asasinato machista de Vilalba: "Estamos na rúa porque non aturamos máis"

Pontevedra
23 de xullo 2019

Decenas de persoas concentráronse ante a Audiencia Provincial de Pontevedra e en Cuntis convocadas polo movemento feminista para mostrar a súa "rabia, impotencia e  dor" polo asasinato de Mari Carmen Vázquez a mans do seu ex marido, Manuel Vázquez, o pasado domingo

Concentración contra as violencias machistas en Pontevedra tras o crime de Vilalba Cristina Saiz

"Estamos na rúa porque queremos poder ser libres, camiñar polas rúas sen medo e a calquera hora, poder separarnos das nosas parellas sen medo a que nos maten. 

Porque non lle pertencemos a ninguén.

Porque non aturamos máis". 

Así o reivindicaron este martes decenas de persoas ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. Convocadas polo Colectivo Feminista de Pontevedra, concentráronse para mostrar a súa "rabia, impotencia e dor" ante o último crime machista rexistrado en Galicia, o asasinato de Mari Camen Vázquez, de 47 anos, o pasado domingo en Vilalba (Lugo) a mans do seu ex marido, Manuel Vázquez, de 50 anos.

Mari Carmen e o seu ex marido estaban en trámites de separación e el, que non o aceptaba, optou por sacarlle a vida primeiro a ela e logo a si mesmo. Antes de ser asasinada, Mari Carmen fixo o que supostamente se debe facer, denunciar e separarse do seu opresor. A pesar de que unha orde de afastamento presuntamente a protexía, non serviu para nada, de modo que as persoas que este martes saíron á rúa en Pontevedra reivindicaron que unha vez máis queda demostrado que as medidas da Xustiza e a protección que debería blindar ás vítimas de violencia de xénero "non son suficientes".

Os asistentes alzaron a voz para facerse escoitar e leron un manifesto no que quixeron insistir en que o foco do problema está na sociedade machista e patriarcal que é preciso erradicar e pediron á cidadanía que non mire cara a outro lado ante crimes como o de Vilalba ou o rexistrado este luns en Calpe (Alacante), así como en casos como a agresión a unha moza de 18 anos esta fin de semana en Vigo, vítima dun home que lle rompeu o nariz cando lle recriminou que estaba farta de aguantar comentarios e actitudes machistas

A concentración tamén quixo pedir que a violencia machista se considere un problema social e político de extrema gravidade, para incidir en que nos últimos 5 anos máis de medio centenar de galegas foron asasinadas en casos de violencia machista e para esixir que a lei galega de violencia de xénero sexa efectiva.. 

A concentración contou coa presenza da concelleira pontevedresa de Igualdade, a socialista Paloma Castro, e da deputada do PSOE no Parlamento galego María Pierres, e dunha ampla representación do movemento feminista da cidade.   

Idénticas reivindicacións realizáronse en Cuntis, onde decenas de persoas se concentraron na praza das Árbores da localidade.