Pontevedra, a segunda cidade máis verde de España

Pontevedra
11 de outubro 2021

A cidade de Pontevedra é a segunda urbe máis verde de toda España, segundo o estudo elaborado polo Instituto de Saúde Global de Barcelona. O seu índice de vexetación, só é superado por Lugo. A elas séguenas outras dúas cidades galegas, Ferrol e Santiago de Compostela

Xente paseando Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra é a segunda urbe máis verde de toda España, segundo o estudo elaborado polo Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal). O seu índice de vexetación, só é superado por Lugo. A elas séguenas outras dúas cidades galegas, Ferrol e Santiago de Compostela.

Así o acredita esta investigación, publicada pola revista científica The Lancet, que analizou a situación de 1.000 grandes cidades europeas -98 en España-, que outorga á Boa Vila un índice NDVI, o indicador que mide como de verde é unha cidade, de 0.637 puntos (o máximo é 1).  

Este índice cumpriría as directrices da Organización Mundial da Saúde que, en base ao seu tamaño e tipo de vexetación, recomenda que Pontevedra non baixe de 0.560 puntos.

A OMS aconsella ademais que, para que a saúde dos seus cidadáns non se resinta, haxa unha zona verde de polo menos unha hectárea a unha distancia de non máis de 300 metros en liña recta desde a casa de cada un dos seus habitantes.

Seguindo este criterio, o estudo determina que o 28,45% dos pontevedreses viven en zonas con menos espazos verdes dos recomendados. Neste caso, Pontevedra ocupa o quinto lugar da clasificación española, tras Puerto de la Cruz, Elxe, Lorca e Santiago de Compostela.

No resto de cidades analizadas a porcentaxe de persoas que non teñen acceso próximo a unha zona verde é aínda maior. En Cádiz, a peor posicionada, alcanza ata un 97,17%.

Pontevedra conta, segundo o traballo destes investigadores, co 58,31% do seu territorio dedicado a zonas verdes, entre parques, prazas ou xardíns comunitarios. Iso si, o 30,88% da súa poboación viven en áreas con menos dun 25% de zonas verdes, límite que marca a OMS.

A pesar destes bos datos, a investigación do Instituto de Saúde Global de Barcelona sitúa en 12 as mortes que se evitarían en Pontevedra se existisen máis zonas verdes, caendo neste parámetro ata o posto 55 das 98 cidades analizadas.

En Galicia, só a supéra Santiago de Compostela (6). Ourense (19), Lugo (22), Ferrol (23), Vigo (61) e, a peor situada, A Coruña (93) empeoran os datos da cidade do Lérez. Quedan lonxe, en todo caso, das 924 mortes evitables en Barcelona ou das 620 de Madrid.

DATOS DE CONTAMINACIÓN

Este estudo tamén recolle os datos de contaminación que se rexistran nas cidades españolas -e noutros 30 países europeos- para comprobar se estas cumpren coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

A este respecto, en Pontevedra os niveis medios de partículas finas suspendidas no aire, que inclúen entre outros, substancias químicas orgánicas, po, feluxe ou metais, sitúanse en 10,8. Así, a cidade do Lérez está no posto 16 das grandes cidades españolas.

A OMS, que ata hai pouco fixaba un límite de 25 para acreditar que o aire que respiran os cidadáns é seguro, establece agora un máximo de 15.

O número anual de mortes que se poderían evitar en Pontevedra se toda a cidade cumprise coas recomendacións da OMS sobre a calidade do aire son 4, segundo este informe. 

En canto ao dióxido de nitróxeno, emitido por calefacción, xeración de electricidade e motores, tamén foi analizado polos autores do estudo. O nivel óptimo fixado pola OMS está en 40 microgramos por metro cúbico de aire e Pontevedra rexistra xusto a metade, 20. Isto sitúaa no posto 30 de toda España.