A cidade de Pontevedra segue decidida a ser a sede da Placemaking Week Europe 2022, un evento internacional que reúne expertos internacionais en creación dun deseño urbano sostible. E, dentro do camiño trazado, toca recibir aos organizadores.
Os directores de Placemaking Europe, Charlot Schans e Ramón Marrades, visitarán Pontevedra durante os próximos días para coñecer a cidade e comprobar se, como defende o goberno municipal, é merecedora de acoller esta cita.
Para iso, o Concello deseñou unha axenda na que Schans e Marrades achegaranse á vida pontevedresa, pasearán polas rúas e coñecerán algúns dos seus máis emblemáticos edificios e puntos de interese.
Así, tras una recepción que lles ofrecerá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, os responsables desta rede profesional percorrerán as principais rúas e prazas da cidade, visitando ao mesmo tempo diferentes infraestruturas municipais e culturais.
Tamén coñecerán espazos máis afastados do centro urbano, como o núcleo de centralidade de Salcedo ou o parque forestal da Fracha, tal e como figura na súa axenda.
A Placemaking Week Europe 2022, defende o Concello, achegaría a Pontevedra centos de visitantes vidos de todo o mundo e reforzaría a posición internacional da cidade como unha das capitais do deseño urbano sustentable.