Pontesampaio abre a súa XVIII Festa da Anguía reivindicando que se prohiba a pesca da angula

Pontevedra
05 de xullo 2013

Os cociñeiros prepararanas de catro maneiras: fritas e acompañadas de pementos de Padrón; en escabeche; guisadas con fideos, ameixas e guisantes; e en empanada sen espiñas. Para facer fronte á crise, mantéñense os prezos de anos anteriores: a tres euros a ración de empanada e a seis euros a cazola das outros tres modalidades

Prato de anguía fritida como a que se servirá na Festa da Anguía Juan Mejuto

A Asociación de Naseiros Alvedosa organiza un ano máis a Festa da Anguía de Pontesampaio para rendirlle homenaxe a un produto do que viven 32 familias da zona e faino cun marcado ton reivindicativo. Por un lado, defenden o traballo dos naseiros da ría de Vigo frente aos "esquilmadores" dos países do Norte de Europa. E, por outro, reclaman a prohibición da pesca da angula.

A festa chega este sábado e domingo á súa XVIII edición e os organizadores quixeron darlle o pistoletazo de saída coa inauguración o sábado 6 de xullo da exposición dos traballos de redacción e debuxo realizados polos alumnos do colexio público A Xunqueira de Pontesampaio.

Pola noite, ás 21.00 horas dará comenzo a degustación de anguías no recinto da festa debaixo dunha carpa habilitada para a ocasión con mesas e cadeiras.

Os cociñeiros José Miguez Acebedo, Inocencio Sotelino Blanco e Benedicto Portela Lusquiños prepararanas de catro maneiras: fritas e acompañadas de pementos de Padrón; en escabeche; guisadas con fideos, ameixas e guisantes; e en empanada sen espiñas. Para facer fronte á crise, mantéñense os prezos de anos anteriores: a tres euros a ración de empanada e a seis euros a cazola das outros tres modalidades.

Con motivo da apertura da festa, os naseiros aportaron datos da actual campaña da anguía que comezou o 1 de febreiro e rematará o dia 31 de outubro. As capturas ascenden 18.000 quilos, unha cifra que, na súa opinión, ven a demostrar que na Ensenada de San Simón non hai problemas co recurso da anguía, cousa que non ocorre en Alemaña e Holanda. Nestes países, aseguran que prácticamente foron esquilmadas.

As 32 familias que viven desta pesqueiría pertencen as localidades de: Arcade (Soutomaior), Pontesampaio (Pontevedra), Paredes (Vilaboa) e Cesantes (Redondela) e a maioría  das capturas son exportadas a Portugal. No país veciño "son moito mais apreciadas que calquera outras debido a súa calidade".

Dende Alvedosa seguen a pedir a prohibición da pesca da angula, xa que non deixa de ser o alevín da anguía e ven unha paradoxa en que é o único alevín que se permite a sua captura e comercialización. Tamén denuncian o dano que se lle ocasionou ás anguías coas construcción de encoros e centrais hidroeléctricas, cos recheos que cambian o curso natural das correntes e coa contaminación da Ría.