#PonteLovers presta asesoría personalizada a 15 negocios pontevedreses de distintos sectores

Pontevedra
06 de xuño 2020

 A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, salienta a enorme demanda que espertou a iniciativa, xa que foron unhas 85 empresas e negocios (uns 80 establecidos no concello) as que presentaron a súa solicitude para participar destas titorías e seguimentos profesionais

Colocación da pancarta de #PonteLovers para reactivar a economía Mónica Patxot

Un total de quince pemes de Pontevedra vanse beneficiar dunha serie de asesorías individuais e personalizadas impartidas polo equipo de expertos que coordina a sherpa empresarial Mariem Filgueira. O servizo recibirano no marco do Plan Impulsa, promovido pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers, tras resultar seleccionadas entre un total de 85 candidaturas. 

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, salienta a enorme demanda que espertou a iniciativa, xa que unhas 85 empresas e negocios (uns 80 establecidas no concello) presentaron a súa solicitude para participar destas titorías e seguimentos profesionais.

As pemes beneficiarias pertencen a todo tipo de sectores e están asentadas por todo o municipio. Nove dos negocios están no casco urbano de Pontevedra e o resto en Mourente, Estribela, Campañó, Monte Porreiro, A Parda e Marcón.

Dúas das empresas son do sector da alimentación, dúas de téxtil e hai empresas de construción, unha clínica veterinaria, un salón de peiteado e beleza, unha axencia de viaxes, un servizo de preimpresión e preparación de soportes, unha empresa de hostalería, unha de calzado, unha óptica, un pediatra, unha firma de reparación de vehículos de motor e outra adicada a actividades de entretemento e lecer. 

Mariem Filgueira deu a coñecer que ao longo das vindeiras semanas comezarán as reunións para desenvolver estas mentorías personalizadas e, ademais, a finais de xuño está previsto realizar encontros grupais nos que teñen intención de implicar a aquelas empresas que non foron seleccionadas para estas asesorías individuais e que quedaron en reserva. Realizaranse nos meses de xullo, setembro e outubro.

Á hora de seleccionar quince pemes entre as máis de 80 presentadas tiveron en conta a iniciativa e motivación persoal e empresarial; a implicación ou necesidade para acadar oportunidades no seu negocio; o nivel de experiencia empresarial; a flexibilidade, espírito colaborativo e intelixencia emocional; o sector (priorizando o agro, a industria, o comercio, a hostalería e o turismo); o nivel de emprego existente; o emprazamento en zona urbana ou rural (dándolle máis puntos á segunda), e a participación previa ou non neste tipo de iniciativas.